DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo é un dos 16 socios de seis países que participan na iniciativa

O proxecto Alehoop obterá proteínas dietéticas de residuos de macroalgas e leguminosas

Está financiado polo programa europeo H2020

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 30/10/2020

Obter proteínas dietéticas de biomasa residual de macroalgas e leguminosas. Este é o obxectivo do proxecto europeo Alehoop, posto en marcha recentemente por 16 socios de seis países, entre eles a Universidade de Vigo. Nel traballarase durante catro anos na utilización de biorefinerías para a valorización de biomasa residual procedente de macroalgas e subprodutos do procesamento de leguminosas para obter novas cadeas de valor a través de proteínas para aplicacións de alto valor en alimentos e pensos para animais.

No sector da alimentación e a produción de pensos para animais, comentan os responsables do proxecto, as e os consumidores están esixindo cada vez máis “proteínas naturais funcionais e asequibles, de fontes distintas ás convencionais”. As fontes actuais destas proteínas, detallan, son a soia, cereais ou patacas, “importados a Europa na súa maioría e insostibles ambientalmente”. O déficit destes recursos en Europa, cuxa produción non alcanza as demandas, indican, obriga a buscar novas fontes de proteínas ata agora inexplotadas. Neste contexto, sinalan desde proxecto, a industria está demandando formulacións proteicas de orixe biolóxica, que poidan producirse a baixo custe e con un mellor comportamento ambiental, e Alehoop pretende precisamente proporcionar “unha solución sostible e barata para a recuperación de proteínas biofuncionais”.

Alehoop terá unha duración de 48 meses e recibe financiamento do programa de investigación e innovación da Unión Europea Horizonte H2020. O custe total estimado do proxecto ascende a 6.718.370 euros e recibirá un financiamento de 5.140.274,41 euros, sendo o financiamento concedido á UVigo de 364.387,5 euros. O consorcio do proxecto está composto por 16 participantes de seis países. A participación da Universidade de Vigo céntrase en tres grupos de investigación: o Laboratorio de Bioquímica, que pertence ao grupo AA1, é o líder das tarefas asignadas á UVigo, participando María Luisa Rúa, Ana Torrado, Clara Fuciños e Camila Jiménez. Tamén participan Clara Tovar, do Departamento de Física Aplicada, e Federico Mallo, Lucas González e Yolanda Diz, do Laboratorio de Endocrinoloxía no CINBIO. De España, ademais da Universidade de Vigo, participan no proxecto Contactica SL (coordinador do proxecto); Isanatur Spain SL; Biosurya SL; Garlan, S.Coop.; Indukern SA; Anfaco-Cecopesca; Fundación Tecnalia Research & Innovaticon e Universidad de Cádiz. Completan a listaxe Biozoon GMBH e Centiv GMBH, de Alemaña; Alginor ASA, de Noruega; Nutrition Science e EV-ILVO, de Béxica; a Technological University Dublin, de Irlanda, e o Veterinary Research Institute, da República Checa.

Obxectivos para catro anos de traballo

O proxecto no que participa a UVigo, explican os seus responsables, pretende proporcionar unha demostración a escala piloto enfocada na recuperación de proteínas dietéticas de baixo custe en biorefinerías mediante un proceso sostible e barato a base de residuos procedentes de macroalgas e do procesamento de leguminosas. O concepto de biorefinería, indican, fai en xeral referencia á transformación de biomasa en enerxía e neste proxecto aplícase á obtención de proteínas a partir dunha biomasa, neste caso algas e legumes. Ademais, detallan, a iniciativa aborda o aproveitamento dos residuos obtidos durante a extracción das proteínas a través do que se chama biorefinerías integradas con cero residuos.

Os obxectivos que se marca o proxecto Alehoop son varios. O primeiro deles é o aproveitamento de restos do procesamento industrial de materiais de orixe botánica (leguminosas) e de fontes abundantes de orixe biológica (macroalgas). As macroalgas verdes que se empregarán no proxecto serán recolectadas nas Rías Baixas e as marróns en Noruega e os subprodutos xerados tras o procesamento de leguminosas tamén serán procedentes en España. “A obtención de ambas materias primas realizarase na UE, potenciando a economía local, diminuíndo potencialmente as importacións de outras materias primas”, indican desde Alehoop. O segundo obxectivo será optimizar o procesamento de biomasa algal nunha biorefinería, coa intención de aumentar a colleita de proteínas con respecto a outros procesos. A pureza proteica que se pretende alcanzar destes tratamentos, detallan desde a iniciaitiva, é dun 60-70%. Un terceiro obxectivo de Alehoop é a redución da pegada de carbono fronte aos procesos convencionais (30% menos), ademais dun aforro enerxético significativo (un 20% menos) e dos custes de produción (un 20% menos) fronte aos procesos convencionais.

O proxecto desembocará na creación de dous novos produtos, un baseado en algas e outro en leguminosas, coa intención de ser comercializados na Unión Europea tras a aprobación da autoridade competente, a EFSA. Neste marco de traballo, os equipos participantes da UVigo encargaranse, entre outras tarefas, da caracterización físico-química e funcional tanto dos extractos proteicos como das correntes residuais xeradas nos procesos de extracción. Ademais, son responsables das tarefas de estudo da biodispoñibilidade das proteínas extraídas mediante ensaios in vivo.