DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Liderado polo Departamento de Física Aplicada da UVigo

O proxecto Aquapred creará un sistema de control de contaminantes en augas mineromedicinais mediante intelixencia artificial

A iniciativa Interreg-Sudoe foi presentada este xoves en Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • Saúde
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 01/02/2024

O Balneario Termal de Laias, en Ourense, acolleu este xoves o lanzamento do proxecto Aquapred, de Sistema de control e prevención de contaminantes en augas mineromedicinais mediante intelixencia artificial. Liderada polo Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo e coa participación de entidades de España, Portugal e Francia, a iniciativa conta con financiamento do programa Interreg-Sudoe 2021-2027.

Aquapred, explican os seus responsables, é un proxecto multiterritorial, multidisciplinario e interdisciplinario de física, medicina, farmacia, química, bioloxía e informática enfocado á monitorización e control da auga termal/mineromedicinal dos balnearios e a predición de contaminantes, baseándose na dixitalización dos datos en tempo real dos parámetros fundamentais da auga mineromedicinal e a análise contínua de ditos datos por un sistema de intelixencia artificial. O sistema, detallan, permitirá realizar “un control preventivo automático sobre os elementos de tratamento da auga que non afecte ás súas propiedades medicinais e desenvolver un modelo de deep learning que permita predicir a posibilidade de aparición de contaminantes en ditas augas (como a lexionela ou a e. coli)”.

Segundo explican os promotores da iniciativa neste proxecto trátase de “aplicar tecnoloxías punteiras ao control e xestión das augas mineromedicinais nos balnearios termais do espazo Sudoe (sudoeste europeo), co triplo obxectivo de minimizar a posibilidade de presencia de contaminantes maximizando as propiedades medicinais das augas, incrementar a base científica sobre o comportamento das augas mineromedicinais e xerar un produto exportable a todos os balnearios do mundo”.

1,8 millóns de orzamento

Na presentación celebrada este xoves participaron José Luis Legido, investigador principal do proxecto e profesor emérito da Universidade de Vigo; Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Javier Soto, xerente do Grupo Caldaria, e Belén Gómez, xefa de área de Turismo Termal da Xunta de Galicia, que puxeron en valor as características desta iniciativa. Cofinanciado con fondos Feder, Aquapred conta cun orzamento total de 1.871.530,38 euros e ten como beneficiarios, ademais da UVigo, as universidades de A Coruña e Complutense de Madrid e os balenarios El Raposo e Hervideros, en España; o Centro de Valorização e Transferência de Tecnologia da Água (AquaValor) e o Instituto Politécnico de Brangança, en Portugal; e o Instituto de Termalismo da Universidade de Burdeos, a Universidade de Pau e o clúster termal Aqui O Thermes, en Francia. Conta tamén coa participación, como asociados do proxecto, do grupo Caldaria (Balneario de Laias) e Iberik (Balneario de Augas Santas) por parte de España; e da Empresa Municipal de Equipamentos de Chaves (Termas de Chaves) e a Comunidad Intermunicipal de Viseu Dão Lafões, por parte de Portugal. A isto súmase o apoio da Axencia de Turismo de Galicia (a través del Área de Turismo Termal), asociada ao proxecto. A actividade do proxecto arranca agora e prolongarase ata finais de 2026.