DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolvido polo grupo HealthyFit da UVigo e financiado polo IIS Galicia Sur

Un proxecto avaliará os beneficios de combinar realidade virtual e un cicloegrómetro intelixente en pacientes con párkinson

Dirixido a analizar os posibles beneficios da sintomatoloxía asociada a esta enfermidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Saúde
  • TIC
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 14/07/2023

Diferentes estudos teñen demostrado os beneficios do exercicio físico na sintomatoloxía asociada ao párkinson, a segunda enfermidade neurodexenerativa máis común. Partindo desta idea, o grupo de investigación HealthyFit levou a cabo nos últimos meses un estudo dirixido a coñecer tanto a viabilidade como os posibles beneficios dun programa de exercicio cun cicloergómetro intelixente, no que combinan a actividade física con tarefas de estimulación estimulación cognitiva. Ao mesmo tempo, o grupo que coordina o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela avaliou tamén recentemente as posibilidades que achega a este tipo de pacientes a realización de programas de actividade física con lentes de realidade virtual. A combinación destas dúas liñas de traballo é agora a base dun novo proxecto de investigación, financiado polo Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), que o grupo desenvolve ao longo deste 2023. Este estudo ten como obxectivo avaliar tanto a viabilidade e seguridade como as posibles melloras que podería xerar nas persoas con párkinson un programa baseado na combinación da realidade virtual inmersiva co pedaleo a alta intensidade nun cicloergómetro intelixente MotoMed. 

Seleccionado na convocatoria intramural de axudas á investigación biomédica do IISGS, no proxecto Efecto do pedaleo a alta intensidade executado nunha contorna de realidade virtual inmersiva na enfermidade do párkinson (ReViPark) participan, xunto a Cancela, os investigadores do grupo HealthyFit Iria Cabo, Pablo Campo e Helena Vila. Así mesmo, o proxecto conta tamén coa participación do investigador do grupo de Neurociencia Traslacional do IISGS Carlos Spuch e da tamén catedrática da facultade pontevedresa Margarita Pino, do grupo Gies-10, integrado tamén, ao igual que HealthyFit, no Instituto de Investigación Sanitaria. 

Unha actividade “o máis real posible”

O obxectivo do proxecto, sinala Cancela, é xerar “unha sinerxía” entre estas dúas liñas. De aí que a investigación combine o traballo cun modelo de MotoMed “específico para Párkinson, porque permite alcanzar as 90 revolucións por minuto e nesta enfermidade está demostrado que canto maior sexa a intensidade, maiores son os efectos tanto a nivel motor como cognitivo”, co uso de exergames, xogos baseados no movemento, nun Head-Mounted-Display, un dispositivo comercial de realidade virtual inmersiva. Partindo dunha selección realizada polo grupo daqueles xogos “que mellor se adaptan á patoloxía”, o proxecto baséase nun protocolo de actividade física no que “o cicloergómetro está conectado ás lentes de realidade virtual”, que sitúan os pacientes “nunha contorna de exercicio físico”. De feito, as e os participantes realizarán un traballo de actividade física mentres “pedalean polas rúas de París”, por un bosque ou por unha praia, nunha actividade que, coa idea de “que sexa o máis real posible”, fará que o cicloergómetro “ofreza unha maior resistencia” cando se atopen subindo unha costa nesta contorna virtual. 

“Son actividades moito máis motivadoras que pedalear contra unha parede, nas que o propio sistema lles vai dando ademais un feedback constante e indicacións coas que mantelos motivados”, engade Cancela. De xeito paralelo á realización de actividade física, este protocolo de actividade física enfrontará tamén aos pacientes a unha serie de “tarefas cognitivas nas que teñen que pomar decisións” e responder a unha serie de estímulos que se lle van trasladando a través dos propios lentes, “nunha contorna agradable e motivadora”.

Nese senso, a hipótese da que parte este estudo é que “o uso de programas de exercicio físico de alta intensidade desenvoltos en cicloergómetros e aplicados en contornas virtuais totalmente inmersivas teñen unha influencia máis efectiva na mellora da sintomatoloxía e na ralentización da progresión da enfermidade”, que aqueles que empregan unicamente este tipo de dispositivos para a realización de actividade física. 

Un estudo no que colaboran as asociacións de pacientes

Co obxectivo de constatar se a combinación do MotoMed coa realidade virtual permite acadar “un maior grao de mellora funcional e sintomatolóxica”, así como de calidade de vida, con respecto a pacientes que levan a cabo “un programa de exercicio físico nunha sala convencional”, a investigación levarase a cabo, como explica Cancela, “con dous grupos, un experimental e outro de control”. Ambos realizarán ao longo de seis meses o mesmo programa de exercicio con MotoMed, no primeiro caso, combinándoo coa realidade virtual e no segundo sen esta. A investigación, como sinala o coordinador do grupo HealthyFit, lévase a cabo “coa colaboración das asociacións de párkinson da provincia”, nas súas sedes, e consistirá en sesións de traballo de 25 minutos, nas que os pacientes manterán unha cadencia de pedaleo de entre 80 e 90 revolucións por minuto. 

Está previsto que neste estudo participen 44 pacientes de párkinson, nun estadio “pouco evolucionado” da patoloxía, que se someterán ao inicio e o remate do programa a unha serie de avaliacións dirixidas a coñecer unha serie de “aspectos funcionais e de calidade de vida”. O obxectivo, explica Cancela, é coñecer tanto “a adherencia e motivación” cara a práctica de actividade física que pode xerar o uso das novas tecnoloxías para o desenvolvemento de terapias de actividade física, como os seus efectos á hora de retardar “o proceso dexenerativo, mellorar a autonomía funcional, postura corporal e calidade de vida”. Dirixidas a constatar posibles beneficios tanto nos síntomas motores asociados a esta enfermidade, como nos non motores, esta serie de medicións verase complementada á súa vez pola análise dun biomarcador por parte dos neurólogos do IISGS. 

Neste punto, na memoria do proxecto resáltase que, no caso de ser positivos, os resultados deste proxecto porían de relevo os beneficios da implantación deste tipo de sistemas de realidade virtual inmersiva nos “programas de intervención a longo prazo” con este tipo de pacientes, así como con outro tipo de “poboacións con limitacións funcionais”.