DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Competirá, xunto co segundo e terceiro clasificado, na final nacional

O proxecto BATCH-E para recuperar enerxía dos lombos das estradas gaña a fase viguesa do HackForGood 2024

Entre xoves e sábado 11 equipos competiron por deseñar a mellor solución tecnolóxica cun fin social

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 18/03/2024

Despois de 48 horas de intenso traballo, o sábado pola tarde chegaba o momento de que os 11 equipos participantes na fase viguesa do HackForGood 2024 presentaran as súas solucións tecnolóxicas cun fin social. O xurado, tras avaliar os proxectos dos preto de 60 estudantes da UVigo inscritos, decidiu conceder o primeiro premio a BATCH-E, unha proposta para “engadir un novo uso aos lombos” que, como explican os seus impulsores, se basea “nun modelo de resalto capaz de aproveitar a enerxía dos vehículos para xerar electricidade e empregala para mellorar a contorna viaria”. 

O segundo premio foi para Soil4Good, unha ferramenta de asistencia a agricultores para cumplimentar formularios regulatorios mentres que o terceiro foi para Neuro Bridge, unha proposta para axudar ás persoas con mobilidade reducida, debido á perda de conexións neuronais. Estes tres traballos recibirán 1000, 600 e 400 euros respectivamente, e optarán tamén aos premios nacionais, dotados de 2000, 1000 e 500 euros. Na fase estatal mediranse aos gañadores das outras 24 universidades que participaron simultaneamente nesta edición do HackForGood. Ademais terán a posibilidade de continuar cos seus proxectos durante uns meses para poder logo presentalos aos Premios HackForGood Big Day, que se celebran dentro dun ano na sede de Telefónica en Madrid e que reparten tres galardóns de 6000, 2000 e 1000 euros.

Darlle un uso a enerxía desaproveitada

Os creadores de BATCH-E son Enric Fernández, Juan Ramón Rodríguez, Álvaro Piñeiro, Tomás Marchena, Pablo Rodríguez e Serafín Fernández, cinco deles estudantes do grao en Enxeñaría Eléctrica e un de Comunicación Audiovisual. Recoñecen que o momento da entrega de premios foi “moi especial, despois de dous días de traballo e tensión” e, aínda que explican que se apuntaron ao certame coa intención de gañar, a medida que se desenvolvía o hackatón “vimos que o nivel do resto de grupos era moi alto, e xa non sabiamos se poderiamos estar entre os primeiros”.

Respecto da idea coa que gañaron, para poñela en marcha escolleron un sistema mecánico capaz de xerar rotación grazas ao peso do vehículo e transmitilo a un xerador eléctrico producindo así enerxía. Para avaliar a potencial repercusión desta tecnoloxía, realizaron un estudo de implementación de BATCH-E en catro puntos das rúas con máis densidade de tráfico de Vigo e estimaron a enerxía que podería xerar. Os resultados obtidos amosan que “cun total de 20 lombos obteríase ao ano a enerxía suficiente para alimentar 170 luminarias led durante ese período de tempo”, explican. 

Sobre a xestión desta enerxía obtida, consideran que unha posibilidade sería almacenala en baterías e, a partir delas, alimentar elementos de iluminación en vías públicas, como semáforos, luces urbanas e mesmo propoñen instalar dispositivos led nos propios lombos para axudar a visibilizar os resaltes e percibir mellor a súa altura, “o que podería ser de grande axuda en contornas pouco iluminadas ou rurais”.

Agora, ademais de poñer o foco na fase nacional, non descartan poder presentarse a algún outro certame deste tipo. O que si teñen claro é que lles gustaría seguir desenvolvendo a súa proposta, “xa que ten moitas posibilidades de estudo”. De feito, tras os consellos recibidos por parte dos docentes que participaron no hackatón como titores, algúns deles barallan a opción de dar continuidade ao proxecto a través dos seus traballos fin de grao.

Soil4Good e Neuro Bridge, segundo e terceiro premio

O segundo premio foi para Soil4Good, unha ferramenta de asistencia a agricultores para cumplimentar formularios regulatorios, control de calidade do solo e divulgación no marco da Axenda 2030. O desafío, explican os seus impulsores (estudantes de Educación social, Educación Infantil, Enxeñaría Informática e Ciencias Ambientais), “é achegar solucións que axuden coa burocracia, automatizando a xestión de informes requiridos aos agricultores pola política agraria común, o que implicaría un aforro de tempo”. A proposta tamén inclúe a creación dunha base de datos con toda a información da calidade do solo de España, para o que están a crear unha aplicación e estacións físicas para a recollida de información.  
 
Neuro Bridge é o terceiro proxecto clasificado, unha proposta para axudar as persoas con mobilidade reducida debido á perda de conexións neuronais. Impulsado por tres estudantes de Enxeñaría Eléctrica, propoñen unha solución para fabricar baixo demanda e a medida, que consistiría nunha “ponte neuronal” capaz de captar os sinais nerviosos con eléctrodos e enviar esa información en forma de impulsos eléctricos a un dispositivo bluetooth. Este, á súa vez, “estará conectado a través do teléfono móbil do paciente a nunha rede neuronal onde se procesará esa información e se enviará a uns eléctrodos na zona da lesión para poder realizar o movemento que se desexe correctamente”. 

Premios temáticos

Ademais dos tres primeiros premios, a fase viguesa do HackForGood outorga tamén catro premios temáticos, dotados de 500 euros cada un. O premio ao mellor proxecto de innovación enerxética e ambiental foi para Phykos, unha proposta de estudantes de Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría Mecánica, que se basea no uso de algas para reducir a pegada de carbono. A idea é crear a primeira granxa de algas nunha cidade, un sistema de captura de CO2 mediante bioventás que se instalaría no HALO. Segundo explican poderían producir máis de 60 toneladas de microalgas ao ano para reducir o equivalente de emisións de 100.000 persoas aproximadamente.

No eido da innovación social o proxecto galardoado é Cosechando Bienestar Social, que propón a creación de hortas sostibles e inclusivas para persoas con baixos recursos económicos e problemas de acceso a alimentos, favorecendo tamén a reinserción laboral.

No que atinxe á innovación e responsabilidade social empresarial, o xurado decidiu premiar a Byte Busters, unha iniciativa no eido da sostibilidade alimentaria que propón a implementación de etiquetas RFID nos produtos de alimentación que permitirían xestionar información relacionada coa caducidade ou realizar inventario das unidades, evitando así o desperdicio de comida tanto nos fogares como nas empresas. 

Finalmente, no eido da transformación dixital, o proxecto premiado foi Clean Forest, que propón aproveitar as parcelas forestais abandonadas ou en desuso xerando os créditos de carbono que as empresas precisan. A idea deste equipo é realizar plans de reforestación con especies autóctonas seleccionadas para a captura de CO2 e converter o CO2 capturado en créditos, de xeito que as ganancias polas ventas deses créditos se investirían de volta na recuperación de máis parcelas.