DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A reunión inicial celebrouse esta semana na cidade

O proxecto Biocaps comeza a súa andaina

Financiado con 4,6 millóns de euros, ten como finalidade consolidar investigación biomédica en Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 19/02/2013
No mes de outubro anunciábase a concesión por parte da Unión Europea de 4,6 millóns de euros para o Instituto de Investigación Biomédica de Vigo (IBIV). Este financiamento canalízase a través do proxecto de Biocaps, co que se trata de promover o I+D+i en cantidade e calidade, buscando unha interacción máis estreita entre investigadores básicos e aplicados, a transferencia de tecnoloxía e a innovación. Con esta subvención do 7º Programa Marco, o IBIV busca consolidarse e boa parte dos fondos estarán destinados á contratación de persoal e á dotación de equipamento.

Catro meses despois, a cidade de Vigo acolleu a xuntanza inicial do proxecto na que tomaron parte un comité de expertos integrado por científicos e autoridades para delimitar os primeiros pasos de Biocaps. Por parte da Universidade de Vigo e o Chuvi participaron neste encontro a catedrática África González, os profesores Ángel Rodríguez de Lera, Federico Mallo e Pío González, a directora científica do IBIV, Carmen Navarro e a directora da Fundación Biomédica do Chuvi, Gloria García, entre outros. A reunión contou tamén coa presenza de Grzegorz Ambroziewicz, FP7 Project Management and Horizon 2020. Entre outros temas avanzouse tanto na coordinación interna como na procura de talento científico para o proxecto, as adquisición de equipamento, a transferencia de coñecemento e tecnoloxía ou as actividades de divulgación do mesmo.

Unha alianza estratéxica

As achegas de financiamento que supón o proxecto Biocaps permitirán ao IBIV avanzar na procura da excelencia e da consolidación da investigación biomédica en Vigo. De feito, o IBIV é froito xa da a unión de forzas da Universidade de Vigo por unha banda e da o Centro Hospitalario Universitario de Vigo, Chuvi, por outro e ten como obxectivo promover a investigación básica, aplicada e transnacional no campo biomédico.

Con Biocaps fortalecese este instituto, unindo as necesidades do servizo de saúde con ofertas científicas e tecnolóxicas, abordando os desafíos da sociedade a través da investigación biomédica e a innovación. Deste xeito, a través do proxecto tratarase de aumentar a masa crítica e liñas de investigación, recrutando altos científicos, adquirindo novos equipos de última xeración, colaboracións con centros de investigación líderes europeos e as actividades de transferencia de tecnoloxía. A través desta aposta financiada pola UE buscarase aumentar tanto a calidade como a cantidade da I+D do instituto así como a transferencia en forma de licencias, patentes ou spin-offs.

Para dinamizar o traballo, Biocaps centrarase en seis áreas estratéxicas. Por unha banda ciencias neurolóxicas e enfermidades raras; enfermidades infecciosas, inflamación e inmunoloxía; endocrinoloxía, metabolismo e nutrición; biomateriais, enxeñaría tisular e medicina rexenerativa; novas ferramentas de diagnose e terapia; e enfermidades cardiovasculares e avellentamento.

Outras das apostas de Biocaps é a aposta polas sinerxía con parceiros europeos. Entre eles, nesta xornada presentouse a colaboración co MRC-Laboratory of Molecular Biology, en Cambridge; o Deutsche Institut für Ernährungsforschung, en Potsdam; o Institut de Myologie, Groupe Hospitalier Pitié-Salpêtrière, de Paris e o INSERM-Centre of Pathophysiology of Toulouse Purpan.