DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun seminario que terá lugar o 30 de maio sobre os mecanismos epixenéticos

O proxecto Biocaps desvela as claves de como o estilo de vida inflúe nos xenes e nas enfermidades

É a primeira vez que se celebra en Galicia unha xornada con esta temática

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 21/05/2014

Como lle afecta o noso estilo de vida á expresión dos nosos xenes? Esta é a gran pregunta que trata de responder a epixenética, unha ciencia aínda pouco coñecida no ámbito biomédico a pesar de que os desaxustes nos fenómenos epixenéticos parecen estar na orixe de moitas doenzas, como o Alzhéimer, o cancro e a esclerose múltiple. Para contribuír a difundir os últimos avances nesta disciplina, a área de Ciencias neurolóxicas e enfermidades raras do proxecto Biocaps organiza o próximo 30 de maio un seminario sobre os mecanismos epixenéticos das enfermidades humanas. A inscrición, aberta ata o 25 de maio, é libre e pode realizarse vía web. Este quinto seminario científico organizado no marco de Biocaps terá lugar no Edificio de Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo en sesións de mañá e tarde, co inglés como idioma oficial. Nel tomarán parte destacados científicos como Stefean Bonn, do German Center for Neurodegenerative Diseases ou o galego Ángel Carracedo.

Un seminario pioneiro en Galicia

A epixenética, termo acuñado por Conrad Hal Waddington en 1953, é a ciencia que estuda o conxunto de procesos químicos que, como resultado da interacción entre os xenes e o ambiente, modifican a actividade do ADN, pero sen alterar a súa secuencia. O que se vai celebrar o 30 de maio será “o primeiro seminario científico dedicado en exclusiva a esta especialidade que se celebra en Galicia”, explica o seu organizador, Roberto Carlos Agís-Balboa. Este científico incorporouse ao Instituto de Investigación Biomédica de Vigo (IBIV) hai uns meses grazas ao proxecto Biocaps, trasladando así a Galicia as liñas de investigación que levaba anos desenvolvendo en Alemaña e Estados Unidos. Os seus estudos sobre os mecanismos epixenéticos en trastornos psiquiátricos, como a depresión e a esquizofrenia, e en enfermidades neurodexenerativas, como o Alzhéimer, abriron un novo campo de traballo no IBIV que permitirá conectar a investigación do instituto cunha especialidade que comeza a ser estratéxica na ciencia biomédica a nivel mundial. Unha proba disto é a recente aprobación de fármacos epixenéticos no tratamento do cancro. En lugar de matar as células cancerosas danando o seu ADN ou alterando vías de comunicación vitais, a terapia epixenética tenta cambiar o comportamento das células cancerosas bloqueando os cambios químicos no ADN.

“Agardamos unha alta participación para lograr o obxectivo de achegar a epixenética aos científicos, aos profesionais do ámbito clínico e tamén á sociedade”, explica Agís-Balboa. Os organizadores agardan ademais que a participación de relatores tan importantes no campo deste seminario permita aos investigadores galegos, e en particular aos do IBIV, establecer colaboracións científicas de alcance estatal e internacional.

Unha decena de expertos

O seminario de Biocaps traerá a Vigo a unha decena de expertos en epixenética que presentarán os últimos avances nas súas investigacións neste campo. Por parte do IBIV, Agís-Balboa explicará o papel do epixenoma como ligazón entre os trastornos psiquiátricos e o Alzhéimer. Ángel Rodríguez de Lera, coordinador da área de Novas ferramentas en diagnose e terapia de Biocaps, tratará o desenvolvemento e síntese de moduladores epixenéticos baseados en produtos naturais e fármacos anticanceríxenos. Tamén no ámbito dos mecanismos epixenéticos nos trastornos mentais desenvolverase o relatorio de Lourdes Fañanás e Aldo Córdoba, da Universidade de Barcelona.

Ángel L. Barco, do Instituto de Neurociencias de Alacante, centrarase na acetilación de histonas (cambio epixenético nas proteínas ao redor das que se enrola o ADN) en trastornos cognitivos e dexenerativos. No campo das neurociencias, o investigador do Centro Alemán de Enfermidades Neurodexenerativas Stefan Bonn analizará o papel da epixenética na formación da memoria a longo prazo.

María Berdasco, do Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge, e David Otaegui, do Instituto Biodonostia, centraranse nos mecanismos epixenéticos relacionados co cancro e a esclerose múltiple, respectivamente.

Pecharán o seminario Ángel Carracedo e Mabel Loza, investigadores da Universidade de Santiago referentes no campo da farmacoxenómica e promotores da plataforma Innopharma, que une os esforzos dos seus dous grupos de investigación para fixar dianas terapéuticas e deseñar as moléculas máis idóneas co fin de obter o mellor fármaco para o paciente.