DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na iniciativa participaron o grupo BiotecnIa da UVigo, a granxa Galinsect e Feuga

O proxecto BioproInsect obtén catro novos produtos de alto valor engadido a partir do verme da fariña

Tamén desenvolveron tecnoloxías para aproveitar o 70% da proteína deste escaravello

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 06/07/2023

O edificio Campus Auga, situado no campus de Ourense, acolleu este xoves o evento final do proxecto BioproInsect, posto en marcha en abril 2021 co obxectivo de obter novos produtos de alto valor engadido a través do bioprocesamento de insectos mediante tecnoloxías de baixo impacto ambiental. Nel participan o grupo BiotecnIA da Universidade de Vigo, Feuga e a granxa Galinsect. No seu balance destacaron o desenvolvemento dun innovador proceso encimático que permite extraer do escaravello Tenebrio molitor (coñecido como verme da fariña) catro produtos diferentes con potencial para ser comercializados, como son hidrolizado de proteína, encimas, quitina e abono fermentado.  

O proxecto, cun orzamento de 181.468 euros, conta con financiamento da Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia (a través da convocatoria de axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020) e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. A xornada de peche, á que asistiron unha vintena de persoas de xeito presencial e medio centenar on line, contou coa participación de José Luis Cabarcos (Agacal), María José Lubián (Feuga), Rubén Recaman (Galinsect), José Manuel Salgado (BiotecnIA) e Henar Peres, do Centro Interdisciplinar de Investigación Mariña e Ambiental de Portugal. A actividade contou cunha visita aos laboratorios do grupo BiotecnIA no edificio Campus Auga onde se desenvolveu a parte de investigación do proxecto.

Novos produtos e tecnoloxías

Nos últimos anos, explican desde o grupo BiotecnIA, incrementouse a demanda por parte das e dos consumidores de alimentos cun alto valor nutritivo, como os alimentos enriquecidos en proteína. Neste contexto, en xaneiro de 2021, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) publicou a súa primeira avaliación completa dun insecto como alimento para humanos, concluíndo que a larva do verme da fariña non supón problemas de seguridade. Cinco meses despois, a Comisión Europea autorizou a comercialización de larvas de T. molitor desecadas como novo alimento.

“O uso de insectos como fonte de proteína para animais e seres humanos é unha alternativa prometedora para obtelos. Con todo, os insectos, sobre todo na súa fase adulta, presentan un alto contido en quitina que limita a dixestibilidade da proteína, polo que estes insectos na súa fase adulta non se poden usar como alimento”, explica o investigador José Manuel Salgado. Tendo en conta esta limitación, o proxecto BioproInsect desenvolveu unha tecnoloxía mediante un tratamento con encimas (proteasas) que permite separar a proteína da quitina en escaravellos e recuperar un 70% da súa proteína. Porén, a principal limitación desta tecnoloxía encimática é o elevado custo das encimas. “Por este motivo, no proxecto tamén desenvolvemos unha tecnoloxía de fermentación en estado sólido do abono de insecto para producir estas encimas. Desta maneira aproveitamos outro subproduto da granxa de insectos, axudando neste caso á empresa Galinsect a desenvolver unha economía circular nos seus procesos”, detallan desde o grupo BiotecnIA. Estas dúas tecnoloxías desenvolvidas polo grupo de investigación do campus de Ourense, detallan os seus responsables, “foron probadas con éxito nas propias instalacións da granxa”.

Alén destas tecnoloxías, con BioproInsect obtivéronse catro produtos diferentes con potencial para ser comercializados como son o hidrolizado de proteína, encimas, quitina e abono fermentado. “Estes produtos poderán ter aplicacións en diferentes sectores industriais como suplementos alimentarios tanto para animais como humanos, elaboración de biopesticidas, fertilizantes, produción de embalaxes para alimentos, elaboración de medicamentos e tratamento de augas residuais”, detallan as e os investigadores de BiotecnIA, que continuarán esta liña de investigación con novos proxectos.

Entre outros aspectos positivos de BioproInsect, desde a súa organización tamén destacan que nos procesos desenvolvidos non só se reutilizan subprodutos senón que non se xeraron novos residuos, no marco da súa aposta polos conceptos de biorrefinería e economía circular. Igualmente, do proxecto recalcan a aposta, a través da innovación, por reforzar “a posición da industria agroalimentaria de Galicia como produtora de alimentos funcionais á vez que, co coñecemento xerado, promóvese a diversificación do medio rural”.