DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un dos socios desta iniciativa é o grupo de investigación HealthyFit

O proxecto In Common Sports gaña un premio da Comisión Europea pola súa promoción do deporte interxeracional

O galardón BeActive Awards foi entregado este xoves en Bruxelas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Internacional
  • Investigación
  • Premios
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 24/11/2023

O proxecto In Common Sports proclamouse na noite deste xoves gañador dun dos premios BeActive Awards que outorga a Comisión Europea a persoas e iniciativas centradas na promoción do deporte e a actividade física. Esta iniciativa, liderada pola Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, conta entre os seus socios co grupo de investigación do campus de Pontevedra HealthyFit e ten como obxectivo analizar os factores que motivan ás persoas maiores a realizar exercicio físico e coñecer os beneficios de participar en competicións deportivas. O proxecto, financiado polo programa Erasmus+ Sport, impúxose na categoría Across Borders, á que se presentaron un cento de candidaturas, das que só 12 pasaron á final. 

O encargado de recoller o galardón en Bruxelas foi o alcalde de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, que destacou en nome do concello de Vila Nova de Cerveira e de todos os socios europeos do proxecto "a honra e o gran pracer" que supón "recibir este recoñecemento da Comisión Europea". Ademais, tamén salientou que o proxecto supón “un valor engadido para a comunidade, mantendo as persoas maiores máis activas durante todo o ano e contribuíndo a unha sociedade máis activa e saudable. Dado que nos enfrontamos a sociedades cada vez máis envellecidas, o proxecto tamén xoga un papel fundamental na inclusión entre xeracións nos nosos territorios”. A dotación do premio son 10.000 euros que se investirán na promoción de estilos de vida saudables entre a poboación maior do municipio.

O proxecto desenvolveuse entre 2018 e 2021

In Common Sports desenvolveuse entre 2018 e 2021 e tivo como socios, xunto á UVigo e á Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, ao Instituto Politécnico de Viana do Castelo, ao municipio italiano de Cesena, á asociación Zoldpont de Hungría e ao municipio búlgaro de Aksakovo, así como ao Concello de Sanxenxo. O seu propósito central era analizar os factores que motivan á poboación maior cara a práctica “de exercicio físico continuo”, como explica o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela. Neste eido, o proxecto buscou constatar os beneficios que tiña nas e nos maiores a súa participación nas competicións deportivas da iniciativa Olympics4all, na que persoas de diferentes países se miden en torneos de diferentes xogos adaptados a este tipo de poboación. No caso de España, o proxecto levouse a cabo cos membros do programa de actividade física para maiores de Sanxenxo, cos que o grupo HealthyFit estudou tamén os efectos que tiña a preparación das competicións, tanto na adherencia cara o exercicio físico como no seu estado de saúde.

Os resultados obtidos permitiron demostrar “que a introdución da competición como factor motivacional, xunto coa socialización, foi un aspecto innovador e unha vantaxe para a promoción do deporte entre as persoas maiores e para aumentar o seu nivel de actividade física”, salienta Cancela. Dado o éxito obtido, o proxecto tivo continuidade a trvñes de In Common Sports+. Fit, Food and Fun for Elderly, outro proxecto que mantén “a mesma filosofía de traballo” da iniciativa precedente, á que se suma un estudo da influencia da alimentación das e dos maiores. Nese senso, Cancela destaca a importancia que tivo para o grupo HealthyFit poder traballar durante estes seis anos nuns proxectos que “nos permitiron crecer como investigadores e coñecer a realidade de países que teñen políticas deportivas e sociais moi diferentes ás nosas”.