DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os galardóns do concurso de La Región entregáronse esta semana

Un proxecto de cultivo de microalgas para extraer aceites gaña o certame Universitas Emprende

Os premiados son estudantes e egresados da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 20/12/2013
O grupo de comunicación La Región convocou o pasado mes de novembro o Primeiro Certame de Novas Ideas Emprendedoras Universitas Emprende, no que convidaba a presentar novas e viables ideas de negocio aos estudantes e egresados da Universidade de Vigo. Esta semana déronse a coñecer os gañadores do certame. Entre as 32 propostas valoradas, o xurado decidiu dar o primeiro premio a un proxecto de cultivo de microalgas para a extracción de aceites. Tamén foron distinguidas outras ideas centradas na mellora da alimentación das persoas maiores, na aprendizaxe dos menores con déficit de atención e na construción de edificios modulares.

O acto de entrega tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel coa participación de Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial; Juan Díaz, director xeral de Novagalicia Banco; José Manuel Pérez, presidente de Confederación Empresarial de Ourense, e Santiago Rodríguez, presidente de CIMO. Tras destacar a calidade dos proxectos presentados, fíxose público que os gañadores desta primeira edición son Javier Gil e María del Carmen Cortés polo seu proxecto Hidroalgae, un proxecto empresarial de biotecnoloxía para o cultivo de microalgas e a extracción de aceites para a súa venda directa ou para o seu refinado para obter biocombustibles, suplementos alimenticios, produtos cosméticos, abonos orgánicos e biomasa.

Para os maiores, para os nenos hiperactivos e para facer vivendas

Marcos Guimarey, alumno do Máster en Innovación Industrial e Optimización de Procesos, foi elixido como primeiro finalista por Atlantic Mousse, unha iniciativa que busca desenvolver un menú de pratos tradicionais destinados a colectivos con dificultades de deglución, principalmente persoas maiores, pero conservando as súas propiedades nutritivas e organolépticas e realizando menús personalizados e adaptados ás necesidades de cada caso. Aldara Puga, Nuria Seijas e Manuel Montesinos resultaron segundos finalistas pola súa proposta de ferramentas dixitais para nenos e nenas con déficit de atención, especialmente con hiperactividade. Nela propoñen a creación dunha serie de ferramentas de software para axudar a estes menores a mellorar o seu nivel de atención, capacidade de concentración e control de impulsos a través do xogo.

Por último, o xurado do certame, formado por Alberto Vaquero; Santiago Rodríguez; Carmen Quintana, da Deputación Provincial; José Manuel Regueiro, do Círculo de Xovenes Empresarios de Ourense; María Fernández, da Confederación Empresarial de Ourense; Juan José Molinos, director de Organización de La Región, e Mar Vázquez, directora de Márketing de La Región, decidiron outorgar unha mención especial ao proxecto con maior visión de internacionalización a José Miguel Malvar pola súa proposta para desenvolver un sistema construtivo para vivendas dun só piso baseado en módulos cun elevado grao de repetición e baixo grao de diferenciación.

Segundo establecían as bases, o proxecto gañador ten dereito a unha campaña de promoción en prensa e televisión valorada en 6000 euros; a un préstamo de ata 20.000 euros en condicións preferentes para a efectiva posta en marcha do negocio; a axuda e asesoramento para a creación da empresa; a networking; a unha localización nun viveiro de empresas, sen custo o primeiro ano; a apoio na procura de capital investidor e de subvencións para a posta en marcha do negocio, e a un Ipad mini 16XB. Cada un dos proxectos finalista ten dereito a unha campaña de promoción en prensa e televisión valorada en 3000 euros; a axuda e asesoramento para a creación da empresa; a unha localización nun viveiro de empresas, sen custo o primeiro ano; a apoio na procura de capital investidor e subvencións para a posta en marcha do negocio e a unha fin de semana no Hotel Balneario Augas Santas.