DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Outorgado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia

Un proxecto dirixido por José Mª Pousada recibe o Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais

A spin-off Bit Oceans Research recibiu o galardón á Mellor Aplicación TIC

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 03/11/2008

Axudar a comunicarse a nenos con dificultades para falar e moverse, foi o obxectivo co que hai arredor dun ano os profesores José María Pousada, director da ETSE de Telecomunicación, e Fátima García, do Centro de Educación Especial Rexional de Xordos de Santiago, puxeron en marcha o proxecto Taboleiro Dixital, que este venres recibirá o premio ao ao Mellor Proxecto Tic con Beneficios Sociais, outorgado polo Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, COETG.
O taboleiro está pensado para a súa utilización no ámbito logopédico, e concibiuse como ferramenta para mellorar a calidade de vida, a autonomía, a integración co medio, a independencia e o acceso á sociedade da información das persoas con problemas de comunicación e cognitivos a través desta solución software baseada nun marcador electrónico que ademais reúne os requisitos de ser económico, funcional, flexible e motivador.
No mercado hai moitos produtos dirixidos a este tipo de público, “pero todos teñen algo en común: son moi caros, podendo chegar a alcanzar cifras coma os 10.000 euros, cantidades pouco accesibles para as familias. O noso obxectivo é facer algo moito máis económico pero con similares prestacións”, subliña José María Pousada.
O prototipo do programa está xa sendo empregado por un cativo do Centro de Educación Especial Rexional de Xordos de Santiago, e agora “comezamos tamén a colaborar co Colexio 6 de Nadal de aquí de Vigo”, explica o responsable do proxecto, que tamén fai fincapé na elevada utilidade social deste traballo. “É moi emocionante ver como podes axudar a comunicarse a persoas con discapacidades”, recalcou. "Polo de agora podemos xa constatar que lle resulta moi motivador e amosa unha actitude moi positiva cara a comunicarse con el, aumentando así a súa intencionalidade comunicativa",subliña tamén Fátima García, a outra directora do proxecto.

Financiado con axuda Cátedra da Infancia

Para a posta en marcha deste proxecto contouse cunha axuda económica da Cátedra da Infancia da Universidade, unha achega que permitiu, entre outras cousas, mercar varios equipos para ir probando o sistema. “O proxecto gustou moito entre os responsables da cátedra e sen a súa axuda non poderiamos ter avanzado na medida en que o fixemos”, continuou.
A colaboración entre a escola viguesa e o centro de Santiago vai continuar no futuro, xa que o sistema aínda non conta coa versión definitiva, “queremos ir pouco a pouco e, de momento estamos aprendo”, explica Pousada. O proceso de traballo seguirá sendo o mesmo: os profesores dos cativos transmiten as principais necesidades que debe cubrir o programa e os investigadores de Telecomunicación buscan como conseguilo. De momento xa se presentou un proxecto fin de carreira sobre o tema, e dous estudantes máis están colaborando no proxecto.

Bit Ocean Research, unha empresa xurdida ao abeiro da Universidade

A empresa Bit Ocean Research, impulsada polo catedrático Fernando Pérez e o profesor Óscar W. Márquez, membros do grupo de Procesado de Sinal e as Comunicacións conseguiu o premio á Mellor Aplicación TIC.
Os investigadores de Bit Ocean Research traballan na área de seguridade documental e na seguridade dixital asociada á firma dixital. Segundo subliñan os seus promotores, a tecnoloxía que comercializan “será a solución ao problema da falsificación documental, evitando tanto a xeración de documentos falsos como a alteración do seu contido mediante técnicas manuais e informatizadas”. Estes produtos e servizos que comercializa Bit Oceans están baseados na tecnoloxía Fividoc, que se atopa en proceso de solicitude de patente, e que emprega unicamente impresoras e escaners convencionais.
A empresa, que se constituíu como tal no mes de xaneiro, ten tras de si anos de investigación e de proxectos ata poder formalizar a iniciativa, “a través do programa Empresa-Concepto, que foi o que nos permitiu poñer en marcha a spin-off”, destaca Pérez, director tamén do Centro Tecnolóxico de Comunicacións de Galicia, Gradiant.
No que se refire á tecnoloxía de autentificación de documentos que ofrece Bit Ocean, os seus promotores salientan que permite trasladar ao papel a seguridade que ofrece a firma electrónica, algo que ata o de agora se perdía no momento de imprimir o documento.

Recollerán os premios na XIII Noite Galega das Telecomunicacións

Os premiados recollerán os galardóns na XIII Noite Galega das Telecomunicacións que, organizada polo COETG, reunirá na Toxa este venres 7 de novembro a máis de 300 profesionais das Telecomunicacións na súa gala anual.
Esta edición, presidida por Emilio Pérez Touriño, contará coa presenza do cosmonauta da Federación Rusa con récord de permanencia e paseos no espazo, Sergei Krikalev e de Barry Reynolds, presidente de FITCE, Federación de Enxeñeiros de Telecomunicación dos Estados Membros da Unión Europea.