DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade, Revertia e EnergyLab apostan pola reutilización de residuos electrónicos fronte á reci

O proxecto EcoRaee busca alternativas para dar unha 'segunda vida' aos aparellos tecnolóxicos

En España xéranse 200.000 toneladas anuais deste tipo de lixo e o 85% non se trata de xeito adecuado

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 22/02/2013

Reutilización fronte a reciclaxe. Esta é a aposta do proxecto EcoRaee, que trata de demostrar que aumentar a vida útil dos aparellos eléctricos e electrónicos é unha solución viable económica, técnica e ambientalmente para este tipo de residuos, que representan o 4% do total do lixo xerado en Europa.

Ordenadores, teléfonos móbiles e tecnoloxía en xeral fan a vida máis sinxela aos cidadáns, pero tamén representan unha importante fonte de contaminación debido a algúns dos seus compoñentes, como chumbo, mercurio, silicio, ouro ou prata. En España cada ano xéranse 200.000 toneladas deste tipo de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE) e as previsións din que en 2020 se seguirán a tratar dun xeito incorrecto máis de 4 millóns de toneladas ao ano. Ante esta situación a Unión Europea apostou por iniciativas como EcoRaee que, coordinada pola Universidade de Vigo, conta tamén coa participación da empresa Revertia e o centro EnergyLab. Como explicou o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento e un dos coordinadores do proxecto, José Antonio Vilán, a UE seleccionou a EcoRaee como “o sexto mellor proxecto dos 35 aprobados para España dentro da convocatoria Life+, o instrumento que a UE ten para financiar proxectos ambientais”. De tres anos de duración e cun orzamento de 1.269.155 euros, o 50% financiado por Europa, esta iniciativa aprobada no verán botou a andar este venres en Vigo coa celebración do primeiro panel de expertos, no que participaron 30 técnicos de toda España así como avaliadores europeos.

Proactividade en I+D+i

“Novidosa, interesante e moi necesaria”. Así cualificou o reitor esta iniciativa conxunta no acto de presentación previo ás sesións de traballo. Salustiano Mato destacou que, en tempos de crise e recortes, é preciso “ter iniciativa e ser proactivos” na procura de recursos e de proxectos nos que a Universidade como institución sexa “o investigador principal”. Deste xeito, e en colaboración con empresas, “podemos ser un vector de crecemento económico para a contorna”. Recalcou Mato que é preciso posicionarse en Europa, sobre todo de cara ao Horizonte 2020, e “iniciativas coma estas son as que axudan a crear Marca Vigo, Marca Galicia e Marca España”. EcoRaee é tamén unha aposta pola colaboración, tanto con empresas como entre os diferentes parceiros dentro da Universidade, xa que toman parte do proxecto os departamentos de Dereito Ambiental, Economía Aplicada e grupo REDE, Enxeñaría Informática, Enxeñaría Eléctrica, Enxeñaría Mecánica e a Oficina de Medio Ambiente.

José Antonio Vilán explicou que o obxectivo de EcoRaee é “a caracterización e demostración posterior dun proceso industrial de Preparación para a Reutilización de Equipos Electrónicos co fin de promover estándares para a transposición da normativa europea en RAEE e contribuír a un alto nivel de separación deste tipo de residuos, de xeito que se pase do 45% ao 65% nos próximos anos”. E é a que a xeración deste lixo aumenta tres veces máis rápido ca dos residuos sólidos urbanos, polo que a adopción de medidas é prioritaria para a UE.

Ao longo dos tres anos de traballo que este proxecto ten por diante tratarase de comparar o impacto ambiental da reutilización fronte á reciclaxe; establecer requisitos obrigatorios para a prestación deste servizos; avaliar a viabilidade técnico-económica por medio de catro procesos demostrativos; concienciar a todos os actores da preferencia da reutilización fronte á reciclaxe; establecer un método de cálculo sobre o ciclo de vida destes produtos; implantar dúas illas de montaxe para a demostración do proceso de reutilización, etc.

Todo comeza no consumo responsable

A comunicación e a divulgación do traballo realizado polos socios de EcoRaee é unhas das prioridades marcadas pola Comisión Europea xa que, como indica Cristina Novella, directora comercial de Revertia, “a responsabilidade é de todos, comezando polo consumo responsable”. Indica que a finalidade da reutilización é alongar a vida dos produtos, buscar a eficiencia, empregar partes que serven, etc... “non se trata de poñer no mercado aparellos usados sen máis”. Unha aposta polo desenvolvemento deste tipo de industria suporía ofrecer á sociedade unha redución dos residuos xerados, a mellora dos indicadores de CO2 nos procesos de tratamento de RAEE, redución dos consumos de materias primas, achegar ao lexislador argumentos e evidencias para o apoio institucional á reutilización e demostrar a viabilidade económica desta industria.

Ademais destes beneficios para a sociedade, Cristina Novella incidiu tamén no beneficio para terceiros países, xa que a reciclaxe de RAEE está a ter un impacto moi negativo en países en vías de desenvolvemento aos que se envían estes residuos, en moitos casos altamente contaminantes. Fundir algunhas das pezas destes aparellos, como explica José Antonio Vilán, “libera toxinas ao aire, á terra e á auga”, sendo especialmente perigoso o arsénico, o silicio, o mercurio ou o chumbo. 7,5 quilos de chatarra electrónica por persoa ao ano, especialmente ordenadores e teléfonos móbiles é unha cifra moi alta, que se torna máis preocupante se se ten en conta que o 85% dos residuos non se recollen nin tratan de xeito adecuado. Antes estes datos, os tres socios de EcoRaee defende a reutilización como sistema viable económica, técnica e ambientalmente e traballan nos vindeiro ano para dotalo de ferramentas, estudos e procesos para implementalo.