DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de fomentar unha alimentación máis saudable e previr a obesidade

Un proxecto ensinará a alumnado de Primaria e Secundaria a ler a etiquetaxe nutricional de alimentos procesados

Os centros educativos poden apuntarse ata o 15 de outubro aos seus primeiros cursos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 29/09/2023

Baixo o título Aprendendo a ler o que como. Formando consumidores responsables desde a aula, arranca na Facultade de Ciencias do campus de Ourense un proxecto que, con financiamento estatal, ensinará a alumnado de Educación Primaria e Secundaria a comprender a información nutricional contida na etiquetaxe dos alimentos procesados que consumen habitualmente.

A iniciativa conta con financiamento da convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e de innovación da Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía, FECYT (do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade) e está desenvolvida por un grupo de sete docentes do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos do campus de Ourense pertencentes ao grupo de investigación Food and Health Omics e ao Grupo de Innovación Docente en Educación Alimentaria Aliméntate con Ciencia e Conciencia. O obxectivo do proxecto, coordinado pola profesora Beatriz Cancho, é que o alumnado adquira habilidades que lles permitan elixir mellor os alimentos que consomen e ter unha alimentación máis saudable que repercuta positivamente na súa saúde presente e futura, coa idea ademais de que este alumnado actuará como vector de transmisión da información recibida á súa contorna familiar e social.

O proxecto contará con varias liñas de actuación, como cursos e a elaboración de materiais didácticos, que arrancan agora coa convocatoria de tres talleres prácticos para alumnado dos diferentes ciclos de Primaria: un sobre azucres engadidos, outro de graxas saturadas e outro de ‘snacks’ e bebidas. Cada obradoiro iniciarase cunha charla formativa e seguirá coa realización de diferentes actividades prácticas, a modo de xogo, enfocadas en saber canto azucre engadido, graxas saturadas, sal e estimulantes se esconde nos alimentos que as e os escolares consomen habitualmente (como lambetadas, bolería, galletas, cereais, batidos e bebidas) para que aprendan a clasificar os alimentos procesados, de máis a menos saudables, en base á información reflectida nas etiquetas. Os centros educativos interesados poden inscribirse antes do 15 de outubro na páxina web do grupo. Os cursos seguirán a liña divulgativa dos celebrados pola organización en maio no marco dun proxecto de aprendizaxe-servizo da mesma temática.

Fomentar bos hábitos canto antes

A obesidade infantil, lembra o equipo investigador, estase a converter nun serio problema de saúde pública (catro de cada dez nenas e nenos e tres de cada dez adolescentes teñen obesidade) e é unha prioridade estratéxica a nivel internacional para reducir o impacto de patoloxías asociadas, como a diabetes e enfermidades cardiovasculares. Actualmente, engaden, diminuíu o consumo de froitas, verduras, legumes e produtos frescos propios da dieta mediterránea e aumentou o consumo de alimentos procesados con maior contido en azucres engadidos, sal e graxas saturadas. “Durante a infancia e a adolescencia apréndense e configúranse os hábitos alimentarios e estilos de vida que persistirán en etapas posteriores da vida, por todo iso, as intervencións impulsadas desde os centros educativos centradas nas boas prácticas alimentarias son un factor crucial nesta materia e deben enfocarse, primordialmente, nas primeiras etapas educativas”, apuntan sobre a relevancia de levar a cabo este proxecto.