DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os seus membros participaron este xoves e venres no campus de Ourense nun seminario internacional

Un proxecto estatal busca minguar o impacto laboral das crises económicas nas empresas

A Universidade de Vigo é unha das catro institucións académicas que forman parte da investigación

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 18/11/2016

42 expertos procedentes de universidades de Reino Unido, Italia, Francia, Portugal e España déronse cita este xoves e venres no campus de Ourense nun seminario internacional centrado nos retos da xestión do cambio na empresa desde a perspectiva laboral e social, tendo en conta o impacto da crise no emprego. A iniciativa celebrouse no marco dun proxecto estatal no que participan catro universidade estatais, entre elas a Universidade de Vigo, e cuxo obxectivo final é propor instrumentos de carácter preventivo que permitan ás empresas afrontar as crises con maiores garantías tanto para elas como para os seus traballadores e traballadoras.

Os retos da xestión

O Seminario Internacional Os retos da xestión do cambio na empresa desde a perspectiva laboral e social estivo organizado pola Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo. A iniciativa, explicaron os seus promotores, celebrouse no marco do proxecto de investigación Retos da xestión do cambio na empresa desde a perspectiva laboral e social, que conta con financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade. Neste estudo coordinado de tres anos de duración participan as universidades de Sevilla, líder do proxecto, País Vasco, Valencia e Vigo. Jesús Cruz Villalón, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Sevilla, salientou como o obxectivo do proxecto que lidera é “intentar estudar o que serían os modos de afrontar a xestión do cambio nas empresas desde o punto de vista laboral e da seguridade social coa idea forza de que habitualmente en España os cambios laborais prodúcense cando a empresa está nunha situación irreversible e as medidas que se toman son duras, traumáticas e tamén irreversibles, non habendo máis alternativa que pechar a empresa ou reducila ao tamaño mínimo para subsistir”.

Tendo en conta que o modo de funcionamento da economía, da tecnoloxía e o fenómeno da globalización conduce a que os cambios sexan permanentes e non puntuais, o enfoque do proxecto, subliñou Cruz Villalón, é proporcionar instrumentos que “eviten esa reacción no último momento” e que busquen transformacións nas empresas de carácter preventivo, antes de chegar á situación crítica. Trataríase, apuntou, de buscar “medidas equilibradas, de modo que non se deteriore a calidade do emprego dos traballadores pero que se posibiliten os requirimentos de competitividade das empresas”. Para traballar neste obxectivo, o proxecto estatal traballa en catro frontes, repartidas entre as diferentes universidades participantes no proxecto, que son a lexislación estatal en materia laboral, os mecanismos de participación dos traballadores na xestión do cambio, a intervención da seguridade social como instrumento de protección nese cambio e os instrumentos de protección social privada destinados a paliar os seus efectos máis negativos.

Os instrumentos privados

A Universidade de Vigo é a encargada de estudar este último punto, desenvolvendo o subproxecto Os instrumentos de protección social privada na xestión do cambio laboral. O investigador principal é neste caso o catedrático Jaime Cabeza, participando no estudo oito investigadores e investigadoras do DT1, o Grupo de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo. Este equipo, apuntan, “analizará o papel desempeñado por actores non públicos na xestión de situacións de crise a efectos de amortiguar a saída da empresa dos traballadores, de acompañar ao parado no período de transición cara un novo emprego ou situación, como pode ser a xubilación e, e de procurar, salvo acceso a unha pensión, a súa pronta e óptima reincorporación ao mercado de traballo”.

Deste xeito, explicou Jaime Cabeza, o grupo de investigación participantes está a estudar as medidas pactadas no marco de expedientes de regulación de emprego, como poden ser a recolocación de traballadores ou incentivos de prexubilación; manifestacións de Seguridade Social complementaria arredor do desemprego, como mutualidades ou fondos de pensións, e as políticas activas de emprego desenvolvidas “extramuros dos servizos públicos tradicionais”, como poden ser empresas de traballo temporal.

Ao longo dos dous días de actividade do seminario internacional que se desenvolveron no campus de Ourense co apoio da Facultade de Dereito, os equipos de cada universidade participante expuxeron os avances nos seus respectivos proxectos e os investigadores e investigadoras asistentes desenvolveron unha intensa programación de comunicacións, unha trintena en total. Nelas abordáronse cuestións tales como os dereitos laborais na era post-Brexit, a extensión da xornada de traballo aos domingos e festivos no comercio, o sistema de Garantía Xuvenil ou o impacto da política de austeridade europea.