DUVI

Diario da Universidade de Vigo

InMerForEcos está financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación

Un proxecto estatal desentrañará o destino do mercurio en ecosistemas forestais do suroeste de Europa

Ampliará o coñecemento da súa interacción co clima, o solo e a vexetación en zonas non contaminadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 14/09/2023

Aproximación interdisciplinar para desentrañar o destino do mercurio en ecosistemas forestais do suroeste de Europa (InMerForEcos). Este é o título dun proxecto estatal liderado desde a Universidade de Vigo que desde o pasado ano traballa co obxectivo de ampliar o coñecemento sobre as interaccións do mercurio atmosférico coas superficies terrestres (solo e vexetación) nos citados ecosistemas en zonas non contaminadas e case virxes.

O proxecto, cunha duración de tres anos, está financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través da Convocatoria 2021 de Proxectos de Xeración de Coñecemento, no marco do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021/2023. O seu investigador principal é Juan Carlos Nóvoa, catedrático da Área de Edafoloxía e Química Agrícola e profesor do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da UVigo, e completan o equipo a profesora Flora Alonso, da mesma área de coñecemento; Luís González, catedrático da Área de Fisioloxía Vexetal, e Manuel Aira, profesor da Área de Zooloxía. O grupo de traballo inclúe ademais a investigadores e investigadoras da UVigo, da Universidade de Santiago de Compostela, do Centro de Investigacións Forestais de Galicia (Lourizán) e do ISTerre da Universidade de Grenoble-Alpes (Francia). A actividade do proxecto desenvólvese maioritariamente na Facultade de Ciencias e no Instituto de Agroecoloxía e Alimentación no campus de Ourense pero tamén na Facultade de Bioloxía do campus de Vigo. Na parte experimental en parcelas forestais colaboran a Asociación Cultural e Ecolóxica de Ridimoas (en Beade) e a Reserva da Biosfera da Unesco en Allariz.

Unha actividade “inédita”

Segundo explica o equipo da Universidade de Vigo, o reto do proxecto, avaliar a transferencia de mercurio (Hg) e metil-mercurio (Me-Hg) entre os principais compoñentes de ecosistemas terrestres (solos, vexetación, biota do solo e augas doces) a través dun enfoque multidisciplinar supón “unha actividade inédita en España e, probablemente, tamén no oeste e sur de Europa”. A novidade de InMerForEcos, subliñan, reside en estudar parte do ciclo bioxeoquímico do mercurio en áreas forestais mediante a determinación dos niveis de deposición de Hg e Me-Hg a través do litterfall (biomasa senescente), avaliando a influencia da especie forestal (incluíndo especies invasoras) mediante o estudo dos compoñentes da correspondente biomasa aérea (follas/acículas, cortiza, madeira do tallo, ramiñas, órganos reprodutivos, etc.). Os resultados de InMerForEcos proporcionarán “novos e importantes datos de campo que mellorarán o coñecemento sobre o ciclo do Hg en zonas pouco estudadas, con niveis de fondo deste metal, que axudarán aos modelos bioxeoquímicos nas predicións do destino do mercurio nos ecosistemas terrestres”.

O mercurio é un metal pesado sen función biolóxica coñecida, está considerado un contaminante global e, segundo explica o equipo investigador, o acumulado nos solos debe considerarse tamén como un gran reservorio dinámico de Hg que interactúa cos ecosistemas de auga doce (ríos, lagos, arroios, lagoas) e os organismos que viven neles. Esta acumulación de mercurio nos solos cobra especial importancia nos ecosistemas forestais, apuntan, onde ademais pode supor un risco ao transformarse en metil-mercurio. “A vexetación desempeña un papel chave na entrada de mercurio ás superficies terrestres, se ben son poucos os estudos que avalían a incorporación de Hg en solos de zonas afastadas das fontes antrópicas de emisión”, sinalan. Dado que os bosques inflúen na deposición atmosférica de mercurio, engade o equipo de InMerForEcos, “é necesario abordar o papel das especies arbóreas na transferencia de Hg a través da deposición da follaxe, a influencia dos horizontes orgánicos do solo no ciclo do Hg ou os riscos asociados á produción de metil-Hg”.

Comprender o ciclo do mercurio nos ecosistemas forestais

O proxecto, indican os seus responsables, achegará coñecemento para comprender o ciclo do mercurio nos ecosistemas forestais. En concreto, enumeran, ampliará o coñecemento sobre a presenza de mercurio en zonas case prístinas; amosará o papel das especies arbóreas, incluída unha invasora por primeira vez en Europa, como impulsoras da deposición atmosférica de mercurio e proporcionará información sobre a influencia que exercen os diferentes usos do solo e o cambio climático. Tamén afondará nos riscos que supón a acumulación de Hg nos horizontes orgánicos para a calidade dos ecosistemas de auga doce, incluíndo a avaliación da presencia de mercurio en macroinvertebrados do solo como indicativo do risco da súa transferencia á cadea trófica. En conxunto, o equipo investigador agarda que o proxecto proporcione información relevante, no contexto do cambio climático, para un manexo sostible dos recursos naturais e axude a minimizar os riscos de contaminación por Hg e a preservar os servizos ecosistémicos das áreas forestais.