DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvólvese na Facultade de Ciencias do campus de Ourense

Un proxecto estatal investiga a produción de biohidróxeno a partir de residuos de eucalipto e cebada

Aposta polo emprego de tecnoloxías sostibles e respectuosas co medio ambiente

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 11/01/2024

Un equipo do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo desenvolve na Facultade de Ciencias do campus de Ourense o proxecto estatal WasteToBioH2. O seu obxectivo é avanzar na produción de biohidróxeno a partir de residuos de eucalipto e cebada, empregando procesos respectuosos co medio ambiente e desde un enfoque de economía circular.

WasteToBioH2 (De residuos de biomasa a biohidróxeno: procesos respectuosos co medio ambiente desde un enfoque de economía circular) comezou en setembro de 2023 e prolongarase ata 2026. Está financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación cun orzamento de 196.250 euros e dirixido por Gil Garrote, do grupo Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos, e Andrés Moure, do grupo EQ2, ambos membros do Departamento de Enxeñaría Química da UVigo. O equipo de investigación complétase cos membros da Área de Microbioloxía María José Pérez e Luís Alfonso Rodríguez e coas investigadoras e investigadores Pablo García del Río, Pedro Ferreira, Alba Pérez e Beatriz Rodríguez. De fóra da Universidade de Vigo están Carlos Orestes Martín (Inland Norway University of Applied Sciences, Noruega) e Lucília Domíngues (Universidade do Minho, Portugal). No aprovisionamento da materia prima para o proxecto colabora a empresa Ence.

A iniciativa enmárcase dentro do traballo que desde hai case 30 anos se leva a cabo no citado grupo sobre valorización de biomasa e desenvolvemento de procesos de biorrefinaría, enfocado nos últimos anos á produción de biocarburantes e de compostos bioactivos. Sobre a relevancia do proxecto, os seus promotores, membros do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo (IAA), lembran que iniciativas da Unión Europea como o Pacto Verde Europeo ou a Estratexia Europea para o Hidróxeno establecen unha redución do 55% das emisións de gases de efecto invernadoiro respecto a niveis de 1990 para 2030 e o uso do 100% de enerxías renovables para 2050, representando o hidróxeno un 20% do total e un 50% no sector del transporte. “De aí que se agarde un elevado incremento na produción de hidróxeno e biohidróxeno, cun grande impacto positivo en I+D+i e emprego”, comentan.

Os residuos forestais e agrarios máis abundantes en España

O obxectivo WasteToBioH2 é investigar a produción de biohidróxeno a partir de biomasa lignocelulósica de carácter residual, empregando tecnoloxías sostibles e respectuosas co medio ambiente. Concretamente céntrase en residuos de eucalipto e residuos de palla de cebada, que son, indican os responsables do proxecto, “os residuos forestais e agrarios máis abundantes en España”. Trátase, sinalan, “de buscarlle un valor engadido a eses residuos que actualmente son máis ben un problema” debido por exemplo aos custo da súa eliminación ou ao seu impacto medio ambiental.

O hidróxeno, explican Gil Garrote e Andrés Moure, “é un vector enerxético que ten moitas vantaxes para o seu uso como carburante en vehículos, substituíndo aos carburantes de orixe fósil, como o demostra o interese crecente de distintas administracións e empresas”. Actualmente, a meirande parte do hidróxeno prodúcese a partir de combustibles fósiles, especialmente gas natural, pero tamén a partir de petróleo e carbón, por métodos químicos; e menos do 5% por electrolise do auga. “A nosa proposta é diferente: é obter o hidróxeno a partir de biomasa vexetal residual mediante microorganismos”, afirman. Para acadalo os investigadores da UVigo detallan que no proxecto primeiramente traballan no acondicionamento da biomasa vexetal "mediante tratamentos novidosos e respectuosos co medio ambiente como a autohidrólise asistida por microondas ou o emprego de disolventes eutécticos”. Despois esta biomasa tratada emprégase como "alimento" de diversos microorganismos, que a descompoñen en diversos compostos, entre eles o hidróxeno. É dicir, as fraccións de polisacáridos obtidas son fermentadas con microorganismos e empregando diversas estratexias, obtendo unha mestura de compostos entre os que destaca o hidróxeno. “Esta é unha vía máis ‘verde’ para producir o hidróxeno, de aí o nome de biohidróxeno”, conclúen.

Adicionalmente, e no contexto da aposta pola economía circular, no proxecto valorizarase a lignina obtida nestes procesos, tanto desde un punto de vista enerxético, como para a obtención de compostos fenólicos con aplicacións como antioxidantes ou para a fabricación de composites.