DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entidades de seis países, entre as que se atopa a UVigo, participan en 'In Common Sports+'

Un proxecto europeo constata que organizar competicións fomenta a práctica de actividade física en persoas maiores

Viana do Castelo acolle a reunión de peche e unhas ‘olimpíadas sénior’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 03/10/2023

Financiado con preto de 350.000 euros polo programa europeo Erasmus+ Sports, o proxecto In Common Sports+: Fit, Food and Fun por Elderly desenvolve nestes días na localidade portuguesa de Viana de Castelo a súa reunión de peche, na que as diferentes entidades participantes avalían os resultados do traballo realizado con preto de 700 persoas maiores de 65 anos en seis países. Coordinado pola Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, coa participación, entre outros, do grupo de investigación HealthyFit da Universidade de Vigo, este proxecto tiña como obxectivos tanto desenvolver programas de actividade física e competicións deportivas para maiores como avaliar os seus efectos nesta poboación. “O máis destacado é que a motivación que teñen pola competición aumentou considerablemente a adherencia aos programas de actividade física, o que á súa vez implica melloras na súa condición física e calidade de vida”, sinala o investigador principal do grupo HealthyFit, o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela.

Xunto a Vila Nova de Cerveira e á UVigo, participan no proxecto o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, o municipio italiano de Cesena, a asociación Zoldpont de Hungría, o municipio búlgaro de Aksakovo e o Instituto Público de Deportes de Nova Gorica (Eslovenia). Todos eles promoveron ao longo dos últimos dous anos que diferentes grupos de maiores de 65 anos levasen a cabo programas de actividade física aos que se sumaba a preparación de competicións como a 'olimpíada sénior' que nestes días se desenvolve en Viana do Castelo ao abeiro deste proxecto. No caso do grupo HealthyFit, este traballo foi realizado coa colaboración do Concello de Sanxenxo e coa participación dos preto de 180 inscritos e inscritas no seu programa de actividade física para persoas maiores. De feito, unha selección de 27 destes maiores participa nestes días na que é a sétima edición de Olympics4All, unhas 'olimpíadas' de deporte sénior que por primeira vez reúnen grupos de participantes no proxecto de diferentes países. Concretamente, os chegados de Sanxenxo e Cesena, que se suman aos equipos de dez municipios do norte de Portugal que tamén toman parte neste torneo.

Entre o luns 2 e o mércores 4, os diferentes equipos compiten en dez modalidades deportivas e xogos tradicionais, desde o fútbol, o baloncesto ou o voleibol, ao atletismo, a natación ou a petanca, todas elas adaptadas ás características deste colectivo. De feito, estas olimpíadas sénior servirán “para a validación” das modificacións propostas polo grupo HealthyFit das diferentes disciplinas, nas que mudan regras ou o número de participantes co obxectivo “de fomentar que todas as persoas participen no xogo”, como explica Cancela. Nese senso, un dos obxectivos desta reunión de peche será tamén definir, a raíz do observado na competición, uns regulamentos para a práctica destes deportes adaptados.

Avaliación da condición física e da alimentación

In Common Sports+ dá continuidade a un proxecto previo, coordinado igualmente por Vila Nova de Cerveira, que buscaba tamén avaliar o efecto que ten a motivación por competir na adherencia das e dos maiores aos programas de actividade física. Con esa idea, tanto no actual proxecto como no que o precedeu realizáronse unha serie de avaliacións o equilibrio, niveis de forza corporal e resistencia aeróbica, deterioro congitivo, motivación cara a práctica deportiva e saúde xeral das e dos participantes nos diferente países. A estas sumouse no actual proxecto un estudo da súa alimentación, que deu como resultado “unha serie de recomendacións” sobre hábitos alimenticios, que, como explica Cancela, foron trasladándose ás diferentes administracións locais participantes no proxecto.