DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os responsables das experiencias piloto en catro países reúnense en Vigo

Un proxecto europeo emprega a radiofrecuencia para recuperar a confianza do consumidor nos alimentos

Certifica a trazabilidade e permite coñecer o proceso dende a granxa ata a mesa a través do móbil

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 07/09/2011

Hai anos era ben sinxelo coñecer a procedencia dos alimentos que consumíamos. Podíamos saber onde pastaban as vacas, quen mataba o gando que comprábamos, como se fabricaba o queixo ou con que uvas se facía o viño. A auxe das grandes superficies e a exportación dos produtos impide na actualidade que os consumidores coñezan non só a orixe dos seus alimentos senón os procesos aos que son sometidos dende a granxa ata a mesa, coa consecuente diminución da confianza do consumidor nos alimentos que merca.

O proxecto RFID From Farm fo Fork trata de recuperar esa confianza perdida no que comemos empregando sistemas de radiofrecuencia que permitan crear unha base de datos europea á que poidan acceder os compradores a través dun teléfono móbil con só achegalo ao produto. Para poñer en marcha este sistema similar ao código de barras os 10 organismos participantes neste proxecto desenvolven varias experiencias piloto nos catro países implicados. A Universidade de Vigo, xunto coa de Cartaxena, representa a España, colaborando con grupos de Italia, Reino Unido e Eslovenia no consorcio que este mércores se reuniu no campus vigués para pór en común os resultados e avanzar nas estratexias futuras.

Mentres o grupo de Sistemas de radio dirixido polo profesor Íñigo Cuiñas ten xa instaladas as antenas e os sensores na adega Viña Costeira de Ribadavia, outros grupos centran o seu estudo en empresas cárnicas, piscifatorías ou queixarías. Para compartir experiencias nesta xuntanza organizada polo investigador Íñigo Cuiñas, déronse cita na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación o coordinador do proxecto, Robert Newman, da Universidade de Wolverhampton (Reino Unido), e os representantes da Universidade de Ljubljana (Eslovenia), da Universidade de Salento (Italia), da Universidade Politécnica de Cartaxena, así como membros de empresas do consorcio e investigadores do proxecto.

Na procura dun sistema europeo

Como explica o propio Cuiñas, o obxectivo final é crear unha rede a nivel europeo á que se poidan adherir as empresas interesadas en garantir a calidade dos seus produtos. A través desta base, produtores, fabricantes, distribuidores e, sobre todo, consumidores poderían coñecer toda a información dos produtos, dende a orixe ata a temperatura na que se conservan, sistemas de almacenamento, tratamentos aos que foron sometidos, ingredientes, aditivos, etc.

O uso desta tecnoloxía RFID (identificación por radiofrecuencia) permite que os bodegueiros, por exemplo, coñezan a orixe das uvas que mercan, a temperatura ou humidade á que foron sometidas ou calquera tipo de dato que precise para garantir a calidade do produto final. Ata agora as primeiras impresións das empresas implicadas están sendo moi positivas, como comprobaron este martes nunha visita á adega Viña Costeira, e os promotores agardan que os beneficios que supón a tecnoloxía RFID esperten o interese do sector da alimentación para poñer en marcha a rede europea que no futuro que axude ao cidadáns a coñecer e confiar no que comen. Este sistema podería xubilar ao coñecido código de barras, xa que deixaría de ser preciso o uso do lector manual e sinxelamente se accedería a través do teléfono móbil á base de datos para consultar a información que o consumidor considere do seu interese.

Beneficio para pequenas empresas

Se para as grandes multinacionais non resulta moi complicado coñecer todos eses datos sobre os seus produtos, para as PEMES o proceso complícase e encarécese. Por este motivo o proxecto traballa con pequenas e medianas empresas do sector da alimentación, que son as que precisan alianzas deste tipo con universidades para contar con datos sobre todas as etapas da cadea alimenticia, dende a granxa, o campo ou o barco ata o consumidor final, permitindo realizar un seguimento rigoroso da calidade das materias primas utilizadas na elaboración de alimentos. Así, explica o profesor Cuiñas, esta sería unha boa fórmula para que as empresas pequenas fagan fronte, certificando a calidade e a trazabilidade dos seus produtos, ás grandes corporacións que compiten con prezos máis baixos.