DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director do centro, Juan Picos, participa en Friburgo nunha reunión de traballo do proxecto Sure

Un proxecto europeo interésase polo estudo sobre os incendios de 2017 que lidera a EE Forestal

O encontro reúne a expertos e expertas de 15 países

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 11/10/2018

Máis de 50 expertos e expertas procedentes de 15 países reúnense desde este xoves no pan-European Workshop ond Wind, Storm and Forests, que promove na localidade alemá de Friburgo o European Forest Institute (EFI). Trátase da primeira das reunións de traballo impulsadas ao abeiro do proxecto Sure (Sustaining and Enhancing Resilience of European Forests) que o EFI promove xunto co Ministerio de Agricultura e Alimentación alemán e que ten entre os seus propósitos o desenvolvemento da European Forest Risk Facility, unha plataforma de intercambio e transferencia de coñecemento de acceso libre sobre diferentes episodios adversos que afectan as áreas forestais, como tormentas, inundacións ou incendios. Un proxecto que pon o foco nos eidos da prevención, a resposta a crise e a recuperación das zonas afectadas e que se interesou neste eido polo estudo sobre os lumes forestais que azoutaron o sur de Galicia en outubro de 2017 que, ao abeiro dun convenio coa Deputación de Pontevedra, desenvolve a Escola de Enxeñaría Forestal.

Así, o director deste centro e coordinador dun proxecto que agrupa a un panel de expertos e expertas de diferentes países, Juan Picos, foi un dos convidados a participar no workshop europeo que se desenvolve nas xornadas deste xoves e este venres e que ten nas tormentas e nos seus efectos sobre ás áreas forestais o eixo central de análise. “Desde a perspectiva da xestión de catástrofes e eventos desfavorables en áreas forestais, querían incorporar tamén unha parte de incendios”, relata Picos da súa participación nesta xuntanza de traballo, á vez que destaca o “enfoque construtivo” dun proxecto que, “aprendendo de casos concretos”, busca reunir información respecto “dos factores que fan que, unha vez que se desencadea o evento, os danos sexan menores”. De feito, este workshop constitúe a primeira dunha serie de reunións que o EFI, coa participación de axentes de diferentes puntos de Europa, irá dedicando aos “principais axentes de risco para os bosques europeos”.

A casuística do noroeste peninsular

Neste marco, a Picos correspondeulle abordar nesta xuntanza a casuística concreta dos lumes forestais no noroeste da península ibérica, e máis concretamente, achegar aos e ás participantes algunhas das conclusións que se van extraendo da investigación que desenvolven no marco do convenio coa Deputación. “A idea do estudo é ver cales foron os factores que tiveron unha incidencia na vaga de lumes de 2017 coa idea de poder tomar medidas para que non se repitan, ben sexan de prevención, de resposta á crise ou de recuperación”, sinala o investigador dun traballo no que analizan os efectos que tiveron factores como a vexetación, a topografía ou o tempo transcorrido desde o anterior incendio. “Estamos a traballar con máis de 400.000 datos de campo, intentando ver a combinación de factores que poida ser clave”, engade Picos, quen destaca o “efecto amplificador” que supón que haxa “xente a nivel europeo interesada en que lles acheguemos algunhas das nosas experiencias”.