DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada organizada polo líder da iniciativa, o Inorde

O proxecto europeo Keep On pecha no campus o seu traballo de mellora das políticas de cooperación e sostibilidade en patrimonio cultural

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo colaborou no seu desenvolvemento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Investigación
DUVI Ourense 09/02/2023

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolle este xoves e venres a xornada de peche do proxecto europeo Keep On, centrado na mellora das políticas de cooperación e sostibilidade no ámbito do patrimonio cultural. A cita, organizada polo Inorde (Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, da Deputación de Ourense) como xefe de filas, permite aos socios procedentes de Polonia, Grecia, Países Baixos, Portugal, Italia e Croacia compartir as actuacións levadas a cabo nos seus respectivos territorios e os principais resultados obtidos.

A presentación da xornada contou coa participación de Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Rosendo Fernández, presidente do Inorde; Pablo Pérez, deputado provincial de Cooperación; Cecilio Santalices, xefe da área provincial de Turismo en Ourense, e da membro do proxecto Daniela Angelina Jelincic. Na benvida ás e aos asistentes, Rosendo Fernández destacou os froitos deste proxecto que, lembrou, desenvolveuse durante cinco anos nun contexto complexo provocado pola pandemia. Pola súa banda, Elena Rivo subliñou o interese e o valor de iniciativas coma Keep On xa que, afirmou, “cando traballos xuntos acadamos mellores obxectivos”.

Análise e boas prácticas

Keep On, do Programa Interreg Europe e financiado con fondos Feder, ten como misión “promover a melloría das políticas e instrumentos de cooperación no sector do patrimonio cultural, para conseguir presentar proxectos de alta calidade con resultados sostibles e impactos duradeiros no desenvolvemento rexional”. Os seus socios son: o Inorde (coordinador), a rexión de Świętokrzyskie (Polonia), o municipio de Paggaio (Grecia), o municipio de 's-Hertogenbosch (Países Baixos), a Asociación de Desenvolvemento da Rexión do Alto Tâmega (Portugal), a Axencia de Desenvolvemento de Langhe Monferrato e Roero (Italia) e o Instituto de Desenvolvemento e Relacións Internacionais (Croacia).

O obxectivo da xornada de peche é reunir ás e aos representantes dos territorios que son socios de Keep On para “compartir experiencias e coñecemento no ámbito do patrimonio cultural co fin último de extraer conclusións que permitan avanzar na mellora das políticas e instrumentos de cooperación neste eido”. Tamén son parte fundamental desta xornada, sinalan desde a súa organización, os actores locais e xestores do patrimonio cultural das diferentes rexións que integran o proxecto. O programa do evento inclúe a análise da situación actual do proxecto, na que os representantes dos territorios asociados compartirán os principais resultados obtidos nos cinco anos de actividade e nos que se inclúe a proxección dun vídeo de boas prácticas elaborado no marco do mesmo. Igualmente, presentaranse os plans de acción dos socios, para dar a coñecer os retos e solucións que se propoñen para a sostibilidade do patrimonio cultural europeo. O encontro permitirá tamén ás e aos participantes valorar a idoneidade de presentar proxectos considerados sostibles ás vindeiras convocatorias do período de programación 2022-2027.

Participación da UVigo

A implicación da UVigo neste proxecto, explicou Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, consistiu na participación do seu centro como un dos “stakeholders” do proxecto. Deste xeito, a decana, como investigadora en materia de actividade turística, participou en diferentes xuntanzas, presentacións e enquisas, nas que se abordaron aspectos sobre a importancia de realizar accións sostibles arredor do patrimonio cultural. Desde a facultade tamén se fixeron achegas a unha guía de boas prácticas elaborada desde o Inorde para a correcta xestión de espazos patrimoniais de carácter cultural, co fin de aumentar a sostibilidade e establecer pautas de comportamento que os diferentes territorios puidesen aplicar. “Esta colaboración culmina con este peche do proxecto na nosa facultade, sendo un pracer recibir a todos os socios e representantes do Inorde”, indicou Montserrat Cruz.