DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 5ª edición de 'Afinidades Selectivas' xa se pode visitar na Casa Galega da Cultura

Un proxecto expositivo mergullado nas linguaxes e xeitos máis pegados ao ser contemporáneo

Docentes e alumnos amosan os froitos das súas colaboracións artísticas

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 07/06/2012
Desde hai cinco anos docentes, alumnos e ex alumnos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra intercambian miradas nun proxecto expositivo nacido do desexo de fusionar puntos de vista creativos complementarios buscados premeditadamente. Esta é a esencia de Afinidades Selectivas, a exposición colectiva que desde este xoves e ata o 8 de xullo poderá visitarse na Casa Galega da Cultura e na que catro docentes de Belas Artes: Ana Soler, Almudena Fernández Fariña, Javier Tudela e Jesús Hernández amosan unións, paridades e convivencias con outros tantos ex alumnos: José Andrés Santiago, Marcos Covelo, Lucía Romaní e Marcos Covelo. Fiel a fórmula argallada pola profesora Susana Cendán na primeira edición da mostra, “escollín catro profesores tendo en conta a paridade de xénero e a presenza dos tres departamentos que conforman a nosa facultade (pintura, escultura e debuxo) e logo, deixei nas mans deses profesores a escolla do partenaire ou compañeiro/a de viaxe artístico,un acompañante co que profesor ven tendo unha complicidade intelectual e artística”, explica Xosé Manuel Buxán, comisario da exposición e profesor da facultade de BB.AA.

Desta volta a mostra determinou que a profesora do departamento de Debuxo Ana Soler que achega unha instalación espacial, forme parella artística co ex alumno José Andrés Santiago que arrodea a obra da súa antiga profesora dende o muro e a obra dixital. Jesús Hernández, profesor do departamento de Pintura, recrea en dous autorretratos realizados desde o debuxo e a fotografía, os vínculos sempre conflitivos entre o corpo e a razón profesional. A súa partenaire, Holga Méndez ocupa o espazo fronte aos seus cadros cunha instalación.
O hall de cristal da entrada da Casa da Cultura serve á profesora Almudena Fernández Fariña de espazo para desenvolver a súa intervención. Xunto e ela, o ex alumno Marcos Covelo apropiase das paredes e fiestras laterais para construír un work in progress de obxectos entre o caos e a pintura invasiva. Os tándems artísticos complétanse co formado polo profesor do departamento de Escultura Javier Tudela e a alumna Lucía Romaní que combinan a colocación de varios estantes como arquivo de obxectos e reflexións cun muro onde penduran un mangado de fotografías de procesos de laboratorios en curso.

Compromiso coas linguaxes da contemporaneidade artística

Dirixida a un público interesado en descubrir as múltiples caras da arte contemporánea na actualidade orixinada no traballo conxunto de docentes e alumnos, a mostra mantén, segundo Xosé Manuel Buxán, “o compromiso e aposta polas linguaxes da contemporaneidade artística con xeitos de encarar as obras que van dende as instalacións e intervencións no espazo até as obras en proceso, ready made…Por iso, ao penetrar na sala da Casa Galega da Cultura decatámonos decontado dun proxecto expositivo mergullado nas linguaxes e xeitos máis pegados ao ser contemporáneo”.

Sen esquecer a pretensión inicial da mostra de transformar a Casa Galega da Cultura, radicada no Casco Vello de Vigo, nunha alternativa aos distintos contedores artísticos espallados pola cidade, Afinidades Selectivas, chega este ano a súa quinta edición e, segundo o seu comisario “segue igual de rica en matices e propostas e resulta unha plataforma perfecta para amosar en Vigo o que fai a nosa facultade de BB.AA”.