DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Road Trip Project, programa de divulgación da UE, rodou este venres no campus

O proxecto FireRS proxéctase cara Europa

Investigadores, Axencia Galega de Emerxencias e bombeiros participaron nunha xornada demostrativa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 25/05/2018

O Road Trip Project é unha iniciativa da Unión Europea na que varios mozos e mozas percorren o continente durante a primavera e o verán coñecendo e divulgando diferentes iniciativas e proxectos financiados pola comisión. O obxectivo é que a xente nova experimente por si mesma en que consiste e que vantaxe representa a Unión Europea para a cidadanía. Para iso catro parellas percorren nestes meses catro rutas por diferentes partes do continente e unha delas, a Ruta Atlántica, recalou este venres no campus de Vigo para coñecer o proxecto FireRs, que foi unhas das iniciativas seleccionadas para protagonizar o programa viaxeiro na súa versión atlántica. Yldau, de Amsterdam e Fabián, ecuatoriano residente en Vilnius, son os dous viaxeiros que fan de fío condutor desta ruta. Chegaron pola mañá ao campus olívico a bordo da súa furgoneta para coñecer e gravar unha peza audiovisual sobre o proxecto da Universidade de Vigo, que ten como obxectivo a detección remota e predición do comportamento de incendios forestais a través de picosatélites, drones e unha ferramenta de avaliación e planificación de accións.

A xornada divulgativa arrancou no posto de mando móbil da Axencia Galega de Emerxencias, que se instalou no aparcamento da EE Industrial. Alí, o IP do proxecto, Fernando Aguado e o investigador Franco Pérez explicáronlles aos viaxeiros do Road Trip Project os obxectivos desta iniciativa, que ten un orzamento de preto de 2 millóns de euros, dos cales preto dun millón e medio son fondos Feder. “Trátase de ofrecer ás axencias de emerxencia e centros de coordinación unha ferramenta innovadora para a detección e xestión dos incendios”. A través dun conxunto formado por sensores de terra, o picosatélite Lume, unha estación de terra local e remota e un centro de control da misión, permitirá ofrecer información en tempo real con posicionado de GPS, perímetro do lume, imaxes infravermellas, predición da propagación, protocolos de actuación, etc. 

Os responsables da Axencia Galega de Emerxencia tamén lles explicaron a Yldau e Fabián o funcionamento e características do posto móbil que nos últimos días estivo mobilizado para dar soporte á explosión que tivo lugar en Tui. Posteriormente, e tras unha demostración de voo dun drone de emerxencias, desprazáronse acompañados por investigadores da Universidade de Vigo e responsables de emerxencias a unha zona próxima ao campus para coñecer en primeira persoa os efectos dos incendios do mes de outubro. A xornada rematou cunha visita á sala limpa situada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, na que se integra o satélite.

Co material audiovisual gravado ao longa da xornada, estes dous viaxeiros europeos montarán unha peza sobre o proxecto que difundirán polas redes sociais do Road Trip Project. Os seus vídeos son seguidos por arredor de 10.000 persoas, polo que os investigadores de Vigo consideran que é “unha grande oportunidade para dar a coñecer o que estamos a facer”.

Catro rutas para coñecer Europa

O Road Trip Project naceu como un programa de difusión de la Comisión Europea. Artéllase en catro rutas diferentes, visitando en cada unha delas arredor dunha ducia de proxectos e iniciativas. En cada unha das rutas viaxan dous mozos ou mozas de entre 18 e 30 anos nunha furgoneta que os leva por diferentes países e cidades. Nas súas viaxes coñecen xente local, bloggers, participan en accións de voluntariado e achéganse a actividades relacionadas con proxectos de I+D. 

O proxecto arrancou coa ruta do Mediterráneo, que rematou o 12 de maio e na que se trataron temas como cultura, alimentación, natureza, turismo sostible, mobilidade, etc. A do Atlántico arrancou o día 20 en Cabo da Rocha con varias paradas en Portugal para rematar en Rotterdam. Neste percorrido prestarán especial atención a temas como océano, auga, enerxía ou vento. Pero se un tema lles interesa no seu paso polo sur de Europa son as causas, consecuencias e medidas de control dos incendios forestais, motivo polo cal elixiron o proxecto FireRs. Nos vindeiros meses desenvolveranse as rutas do Danubio e do Báltico.