DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Financiado polo programa Horizonte2020 (H2020) con 4,8 millóns de euros

O proxecto Glaukos celebra en Vigo a súa reunión anual con persoal investigador de nove países europeos

Dende o CIM deseñan un sistema de análise de materiais para saber se son amigables co medio mariño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 20/06/2023

Un total de 22 investigadoras e investigadores de nove países europeos participan na reunión anual do proxecto Glaukos, que se celebra hoxe e mañá no Centro de Visitantes do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia en Vigo. Persoal do Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo, organiza o encontro no que se presentan os últimos avances do proxecto que, no marco da convocatoria Horizonte2020, busca solucións circulares para a industria téxtil. Concretamente, o laboratorio de Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña (Ecotox), liderado por Ricardo Beiras, catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e investigador do CIM, é o único representante español nesta iniciativa que ten por obxectivo desenvolver fibras e revestimentos téxtiles biodegradables e biorreciclables para as artes de pesca e a roupa. 

Dende Ecotox desenvolveron un método máis rápido para a valoración mariña da biodegradabilidade e ecotoxicidade dos microplásticos no laboratorio e en mesocosmos. A inmensa maioría dos aditivos e recubrimentos ecolóxicos de aparellos de pesca e téxtiles son derivados do petróleo, polo que un dos obxectivos finais do proxecto Glaukos é producir recubrimentos cun contido de base biolóxica mínimo de polo menos un 30%, o que representaría un grande avance neste campo. Para iso, o persoal investigador do CIM deseñou un sistema de análise dos materiais que comprende tres ensaios distintos: test de biodegradación, test de degradación mecánica e test de ecotoxicidade. Segundo o resultado dos mesmos, poderíase clasificar un material como amigable ou non co medio mariño. Ademais, estes tests poden extrapolarse a outros plásticos e usarse en diferentes análises de materiais. Desta forma, avánzase na estandarización dos métodos para avaliar a biodegradabilidade e ecotoxicidade dos microplásticos en medios mariños.

A finalidade última é diminuír drasticamente a contaminación por plásticos do océano, xa que as artes de pesca abandonadas, perdidas ou descartadas representan aproximadamente o 27% de todo a lixo mariño atopado nos mares europeos, preto de 11.000 toneladas anuais que entran no medio mariño cada ano. Aos restos de redes e outros aparellos súmanse as fibras sintéticas das que está feita gran parte da roupa, que son tamén unha fonte principal de contaminación por microfibra nos ambientes mariños, xa que o uso e o desgaste das prendas fan que as fibras acaben no mar.

Traballando desde 2020

O proxecto, iniciado en 2020 e con catro anos de duración, ten un orzamento total de 4,8 millóns de euros, dos que a Comisión Europea financia 4,1 millóns a través da Bio-Based Industries Joint Undertaking (BBI JU), unha entidade público-privada entre o programa H2020 da UE e Bio-based Industries Consortium (BIC). A subvención que lle corresponde á UVigo é de 411.500 euros. O consorcio está coordinado pola entidade belga Bio Base Europe Pilot Plant e del forman parte empresas, asociacións, clústers, centros de investigación e universidades de Bélxica, Países Baixos, Dinamarca, Alemaña, Eslovaquia, España, Suíza, Italia e Turquía.