DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UE concedeulle á Universidade este programa Erasmus Mundus financiado con catro millóns de euros

O proxecto GreenIT define a súa engrenaxe de mobilidade internacional

Os dez parceiros europeos e os dez norteafricanos reúnense en Vigo para comezar a traballar

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 19/10/2012
A Universidade despediu o curso pasado coa nova da súa elección como nodo de coordinación da mobilidade entre Europa e o Norte de África dentro da convocatoria Erasmus Mundus. Co comezo do curso, este proxecto toma xa corpo e comeza a funcionar a súa engrenaxe cunha primeira xuntanza en Vigo na que se deron cita os representantes dos dez parceiros europeos e os dez norteafricanos, así como os seus centros asociados. Esta é a toma de contacto dos membros de GreenIT para poñer en marcha unha iniciativa que permitirá a formación e especialización e internacional de 185 persoas no eido das tecnoloxías verdes.

A vicexerente de Internacionalización, Regina Carrera, foi a encargada de darlle a benvida aos representantes das universidades de España, Francia, Portugal, Italia, Alemaña, Bulgaria e Polonia e de Tunicia, Marrocos, Exipto e Alxeria. Conxuntamente traballarán no GreenIT, baixo a coordinación da Universidade de Vigo, para intercambiar experiencias, coñecemento e estudantes e docentes no eido do desenvolvemento social sostible.

Sinerxías intenacionais

O obxectivo deste proxecto é favorecer o desenvolvemento económico e social de terceiros países a través da cooperación na educación superior e o I+D+i, impulsando a excelencia nas institucións académicas do norte de África e contribuíndo á mellor gobernabilidade destes países así como á súa cohesión social. A través da mobilidade destas case preto de 200 persoas traballarase a prol do desenvolvemento económico e social, da mellora da educación e o emprego e da potenciación do I+D+i.

A UE outorgou a coordinación deste proxecto á Universidade de Vigo pola súa ampla experiencia neste tipo de proxectos internacionais e comparte estas funcións coa universidade tunicia de Sfax. A coordinadora académica do proxecto, a profesora da EE de Telecomunicación, Rebeca Díaz, foi a encargada de abrir este encontro, no que os responsables de cada universidade puideron traballar polo miúdo na estrutura, no sistema de traballo, nos procedementos de seleccións ou as estratexias de divulgación do GreenIT. O proxecto, cun orzamento de catro millóns de euros, centrarase nos eidos científico e tecnolóxico, na procura dun desenvolvemento social sostible, permitindo a mobilidade de 185 persoas durante catro anos. Esta estratexia colaborativa favorecerá tamén a creación de escolas de posgrao e mestrados internacionais que ofrezan títulos conxuntos entre os membros deste consorcio. Por outra banda, estas colaboracións potenciarán a transferencia de coñecementos entre estas institucións e tamén de cara á sociedade, incrementarán a visibilidade internacional das mesmas, a aumentarán a capacitación laboral dos estudantes e investigadores en marcados mundiais e a capacidade docente dos centros participantes.

Áreas de traballo

O campo de traballo de GreenIT concéntrase nas tecnoloxías verdes e en promover un desenvolvemento social e económico a través de ferramentas respectuosas coa contorna. Por unha banda, buscarase favorecer o traballo en informática verde, no uso enerxías eficientes en informática ou no etiquetado ecolóxico dos produtos tecnolóxicos. No campo de acción deste proxecto unha parte fundamental é o cloud computing, o uso da nube para virtualizar os servidores informáticos como un recurso que pode cambiar o paradigma das infraestruturas das tecnoloxías, xa que permite reducir gastos e que pequenas empresas compitan a nivel mundial en termos de infraestruturas. En xeral, promoverase a formación, a investigación e o intercambio de persoas para garantir un impacto mínimo das tecnoloxías da información e comunicación en sectores como a automoción a fabricación industrial ou a xestión dos recursos naturais.