DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É unha das dúas propostas empresariais gañadoras da edición 2013 de Incuvi en Pontevedra

O proxecto InterArtyve Books sacará ao mercado a súa primeira aplicación para dispositivos móbiles en outubro

A Vicerreitoría colabora coas emprendedoras Alba Blanco e Estefanía Moreno cedéndolles un equipo inf

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Iolanda Fernández DUVI 19/07/2013

Un novo concepto de libro, un novo xeito de facilitar a aprendizaxe de pequenos e maiores ao tempo que xogan e gozan dos seus dispositivos móbiles -iPad, iPhone, Android ou tablets-. Esta é a proposta que no vindeiro mes de outubro lanzarán ao mercado dúas alumnas da Universidade de Vigo, Alba Blanco e Estefanía Moreno, coordinadoras de InterArtyve Books, un dos proxectos gañadores de Incuvi 2013, que este venres recibiron, unha nova “ferramenta” que facilitará o seu camiño cara o éxito empresarial. A vicerreitora do campus, Antonia Blanco, acompañada da presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarios AJE Pontevedra, Lucía Pedroso, fixéronlles entrega dun equipo informático do que disporán ata o vindeiro mes de febreiro.

Aínda que non está rematada, as dúas estudantes xa teñen perfilados case todos os detalles do que será o seu primeiro lanzamento ao mercado. Personajario Interactivo, unha incursión no mundo da creación e produción deste tipo de contidos, é unha aplicación que nace baixo o amparo da segunda edición do Incuvi que nesta ocasión se estendeu tamén ao campus de Pontevedra. 30 artistas galegos entre os que destacan o fotografo Miguel Vidal, a ilustradora de cómic Roberta Vázquez, a blogueira Sofía Centeno ou os escultores Twe Muizen entre outros moitos serán os protagonistas dun porfolio interactivo con carácter lúdico que pretende dar a coñecer tanto os seus traballos como as súas figuras, aseguran as súas creadoras. Os resultados desta colaboración coñeceranse proximamente, unha vez se presente en sociedade “esta nova forma de concibir os novos contidos artísticos”, salientan Alba Blanco e Estefanía Moreno. A aplicación estará dispoñible inicialmente só para dispositivos Apple e poderá descargase dende a App Store para iPad “a prezos moi asumibles non superando os seis euros por descarga”.

O Máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual reuniu a Blanco e a Moreno hai pouco máis dun ano. As dúas alumnas da Universidade, tituladas ambas en Belas Artes, aseguran que este Personajario Interactivo “nace logo de realizarmos varios focus group nos que participaron fotógrafos, músicos e demais actores da cultura artística contemporánea na procura dunha idea innovadora”. Grazas a esta aplicación, “estamos ante un novo concepto de libro que aproveita ás características e funcionalidades de estes dispositivos móbiles e tamén aos cambios que se producen no eido das novas tecnoloxías”, ambas as dúas emprendedoras.

Imposible sen a colaboración da Universidade e AJE

Tanto Alba Blanco como Estefanía Moreno conseguiron que o seu proxecto InterArtyve Books fose un dos dous gañadores do Incuvi 2013 no campus. Para pór en marcha as súas ideas emprendedoras estas dúas alumnas contaron co apoio da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra que lles cede as súas instalacións para realizaren o seu traballo diario e lles presta o asesoramento que precisan en cada unha das fases da materialización dese proxecto.

Pola súa banda, a Universidade de Vigo segue a colaborar no desenvolvemento do tecido empresarial da cidade axudando na medida do posible ao seu alumnado propoñendo iniciativas coma o Incuvi. Materializando esta aposta, a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, cedeulles este venres a Alba Blanco e a Estefanía Moreno un equipo informático que poderán instalar no seu lugar de traballo por un periodo dun ano, rematando a súa etapa para desenvolver o seu proxecto en febreiro 2014. Para estas dúas estudantes e emprendedoras teren un equipo informático destas prestacións facilítalles moitísimo o seu traballo xa que ata o de agora tiñan que empregar os seus cos seus propios ordenadores.

Antonia Blanco salientou a necesidade que teñen os emprendedores de dispoñer do material axeitado para sacar adiante os seus proxectos e aproveito a cesión deste equipo informático para agradecerlle tamén a AJE “o recoñecemento que fan día a día do potencial que hai en todas as titulacións do campus de Pontevedra”.