DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os promotores das catro empresas presentaron as súas ideas de negocio no campus de Ourense

Do Proxecto Nacce nacen Wiimbo, Anubía, VouAxenda e 104 Cubes

O obxectivo da iniciativa é fomentar o despegue das TIC en Galicia e no Norte de Portugal

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 24/01/2013

A piques de alcanzar os seis millóns de parados no conxunto do estado, a opción de emprender estase convertendo para moitos na única alternativa para poder desenvolverse profesionalmente e obter unha fonte de ingresos económicos. Este é o caso dos promotores dos proxectos empresariais Wiimbo, Anubía, VouAxenda e 104 Cubes, que este xoves se presentaron na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus Ourense. Nadas no marco do Proxecto Nacce, estas iniciativas dan os seus primeiros pasos con asesoramento institucional e co desexo de que se convertan no futuro en negocios de éxito.

A súa presentación tivo lugar no marco da III Xornada de presentación de resultados do Proxecto Nacce, unha iniciativa cofinanciada polo programa de Cooperación Transfronteiriza entre España e Portugal e fondos FEDER e do que a Escola Superior de Enxeñaría Informática é socia xunto a AGESTIC, a Cámara de Comercio de Vigo, a Asociación de Empresas do Norte de Portugal e o Centro de Computaçao Gráfica. O acto de inauguración da xornada contou coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; de Jorge Barros, subdirector xeral de Apoio á Contratación, aos Emprendedores e ao Traballo Autónomo da Xunta, e de Sonia Rábade, secretaria xeral de AGESTIC. Todos eles coincidiron en salientar a importancia desta iniciativa para unir a axentes públicos e privados e dar un paso máis no reto de paliar as deficiencias do sector TIC na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, especialmente tendo en conta a crise económica actual e o potencial de futuro do sector das novas tecnoloxías.

Catro ideas con futuro

Ao longo da xornada presentáronse catro ideas de negocio nadas no marco de Nacce. Wiimbo é unha delas. Trátase dunha iniciativa de tres ourensáns, David Sequeiros, José Luis Peña e Rodrigo Vázquez. Segundo eles mesmos salientaron, a súa idea é ofrecer aos usuarios “democracia musical”. Empregando a tecnoloxía dos teléfonos intelixentes, estes emprendedores propoñen a creación dunha aplicación móbil, completada con servizos como redes sociais, que permite aos usuarios consultar a música que se escoita en cada local de ocio, para poder elixir os máis afíns, e unha vez dentro do local permite participar na elección da música que se oe nel.

Pola súa banda, VouAxenda é “unha ferramenta de difusión cultural que dá servizo a Ourense, principalmente á cidade pero tamén aos arredores. Grazas ao seu funcionamento colaborativo, ofrecemos unha ampla axenda de actividades culturais accesibles para todas as persoas interesadas”, explica Rebeca Babarro, promotora da iniciativa.

Os irmáns Wilfredo e Alejandro Santana son os creadores doutra das iniciativas, chamada Anubía. A súa idea de negocio, que desenvolven en Vigo xunto a un terceiro enxeñeiro industrial, é ofrecer, principalmente ás pequenas e medianas empresas, un servizo de implantación de software de xestión empresarial de código libre, tendo en conta o auxe do código aberto a nivel europeo nos últimos anos.

Por último, Patricia e Luis García presentaron no campus de Ourense a súa recentemente creada empresa 104 Cubes, que desenvolve ferramentas que permiten converter os deseños de clientes en aplicacións informáticas, tal e como amosaron no caso dun proxecto que están desenvolvendo na actualidade e no que empregan a tecnoloxía dos teléfonos intelixentes para facilitar a elección de canles de televisión en locais de hostalaría e salas de espera.

O día 14 de marzo celebrarase en Santiago de Compostela a xornada final do Proxecto Nacce, momento no que os seus participantes farán balance dos éxitos acadados e afondarán en posibles melloras para vindeiras iniciativas similares.