DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu a súa presentación oficial

O Proxecto Nacce potenciará a aparición de 150 novos emprendedores e 50 empresas TIC

A iniciativa conta cun orzamento de 1,18 millóns de euros ata decembro de 2012

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 19/10/2011
A formación e o asesoramento a 150 pequenas e medianas empresas no desenvolvemento de proxectos comúns e a formación doutros novos 150 emprendedores e 50 empresas en actividades TIC. Estes son os obxectivos que se marca o Proxecto Nacce, Núcleo de Apoio á Competitividade e a Creación de Empresas TIC, que foi presentado este mércores no campus de Ourense polos seus socios. A iniciativa quere contribuír a paliar as debilidades do sector TIC na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal coa idea de que o futuro da zona precisa do emprendemento, a internacionalización e o desenvolvemento das tecnoloxías da información e a comunicación. Con 1,8 millóns de euros de orzamento Nacce bota a andar co lema de que fronte á crise podes chamar a mil portas... ou abrir unha xanela emprendendo no sector TIC.

O proxecto, liderado pola Xunta de Galicia, foi presentado en Ourense por José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento da Universidade de Vigo; Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia; José María López Bourio, responsable de Agestic; Nuno Martins, director xeral de Aiminho; Eduardo Pinto, director executivo do Centro de Computaçao Gráfica, e Xosé Manuel García, xerente da Cámara de Comercio de Vigo. “Co Proxecto Nacce queremos impulsar o sector das TIC na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal porque cremos na cooperación entre as dúas zonas, porque cremos no sector TIC e porque pensamos que poden ser o noso futuro”, salientou a conselleira de Traballo e Benestar.

Tres bazas

Segundo explicou o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento da Universidade de Vigo, Nacce conta cun orzamento de 1,18 millóns de euros, cofinanciado con fondos Feder, e o seu obxectivo é crear un núcleo de cooperación entre todos os axentes implicados no sector TIC da eurorrexión, para estimular a aparición de novas iniciativas empresariais, aumentar a competitividade das empresas existentes e, consecuentemente, dinamizar o emprego. “Na eurorrexión temos tecnoloxía, temos talento e temos emprendedores. Con este proxecto só precisamos ser cociñeiros, xuntar todos os ingredientes e darlle valor”, apuntou Eduardo Pinto.

Para acadalo, Nuno Martins salientou que o proxecto conta con tres bazas fundamentais, como son a cooperación transfronteiriza, centrarse nun sector moi específico como o TIC e facelo apostando polo emprendemento e a internacionalización. “A internacionalización neste proxecto é fundamental. É moi importante partir dunha base internacional nun sector tan relevante e tan aberto como o das tecnoloxías da información e a comunicación”, aclarou Xosé Manuel García durante a súa intervención. Alén destas características internas, o proxecto precisa para o seu éxito da implicación dos emprendedores polo que José María López Bourio advertiu aos asistentes que “o futuro está aberto de par en par, só depende de nós mesmos. Hai que ter valor, ideas e responsabilidade e emprender”.

Valorar friamente

Alén da presentación oficial do proxecto, a xornada reuniu a destacados expertos no eido TIC e do emprendemento para comezar con ese traballo de formación e asesoramento que se marca Nacce entre os seus obxectivos. Un dos primeiros en intervir foi o emprendedor Alejandro Suárez, autor do libro Ha llegado la hora de montar tu empresa. Suárez salientou que España, con preto de 5 millóns de parados, precisa un millón de emprendedores pois “na situación actual non hai saídas, ninguén te vai vir chamar a casa para ofrecerte un traballo”. Por este motivo, animou aos asistentes a “valorar friamente se é o voso momento de emprender, se as circunstancias persoais e profesionais son as axeitadas, sopesar os riscos e o esforzo que suporá, e lanzarse, porque emprender vale a pena”.