DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será a base do futuro Iberian FoodTec Lab

O proxecto Net4food porá en marcha unha rede de excelencia alimentaria na eurorrexión Galicia-norte de Portugal

Coa participación da Universidade de Vigo e liderado polo Instituto Politécnico de Bragança

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cooperación
  • Internacional
  • Investigación
  • Reitor
  • Investigación
DUVI Ourense 30/11/2023

Portugal que incida no desenvolvemento do sector a través da cooperación, a innovación e a sostibilidade. Con este obxectivo presentouse este xoves no campus de Ourense o proxecto Net4food. Coordinado polo Instituto Politécnico de Bragança, nel participan a Universidade de Vigo, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, así como o clúster Portugal Foods e os laboratorios colaborativos More e Aqua Valor. A rede resultante do proxecto será a base do futuro Iberian FoodTec Lab.

Sector estratéxico e con potencial

Na xornada de presentación do proxecto Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, salientou que esta iniciativa enmárcase na aposta da institución académica polo cooperación eurorrexional que, dixo, é “prioritaria e estratéxica”. O responsable académico lembrou que a UVigo e o Instituto Politécnico de Bragança están, respectivamente, no posto 15 e 32 do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e amosou a súa confianza en que o proxecto agora lanzado, “xuntando laboratorios e investigadores que traballan a un e outro lado da raia” e “unindo capacidades e talento” teña un efecto multiplicador que redunde en beneficio das dúas rexións. Do mesmo xeito, Isabel Ferreira, secretaria de Estado do Desenvolvimento Regional de Portugal, felicitou na súa intervención por videoconferencia aos socios do proxecto pola posta en marcha desta iniciativa “nun sector altamente estratéxico para as rexións transfronteirizas” e cun “gran potencial de crecemento”. Tamén subliñou o papel que xogará a rede resultante na creación do Iberian FoodTec Lab que, recalcou, está chamado a ser “un referente internacional no sector”.

Por último, Orlando Isidoro Afonso Rodrigues, presidente do Instituto Politécnico de Bragança, puxo en valor a cooperación existente entre a súa institución e a Universidade de Vigo e como este proxecto é un chanzo máis “na intensa cooperación existente entre Galicia e o norte de Portugal” que, dixo, é “exemplo dunha cooperación saudable” entre dúas rexión. O responsable académico amosou a súa confianza en que Net4food contribúa a “potenciar as nosas capacidades no eido agroalimentario, xuntando as competencias que temos as dúas rexións”, competencias que, afirmou, son “competitivas a nivel mundial”.

Fortalecer as capacidades científicas e innovadoras

Net4Food é un proxecto europeo que se desenvolverá ata finais de 2025 con financiamento do programa POCTEP, iniciativa de cooperación transfronteiriza dentro do Interreg VI España-Portugal, e fondos Feder, sendo o seu orzamento total de 688.264 euros. Ao longo do proxecto, os seus socios analizarán, capitalizarán e sistematizarán o coñecemento innovador existente como base para orientar a acción da rede e do futuro Iberian FoodTec Lab e crearán a estrutura operacional básica desta rede, garantindo a súa viabilidade alén do proxecto. Ademais, articularán novos procesos de transferencia, favorecendo o xurdimento de novos produtos e interrelacionando os diferentes axentes do ecosistema de I+D+i alimentario na eurorrexión para xerar novas sinerxías entre eles. O proxecto tamén inclúe promover as capacidades innovadoras do ecosistema de investigación, introducindo a formación de persoal investigador actual e futuro e xerando relacións empresariais baseadas en novas liñas de innovación. O desenvolvemento da rede suporá a “creación dunha estrutura previa ao Laboratorio Ibérico de Alimentos”, laboratorio que foi acordado na XXXIII Reunión Luso-Española celebrada en novembro do pasado ano en Viana do Castelo (Portugal).  

A participación de Universidade de Vigo no proxecto, canalizada a través do seu Instituto de Agroecoloxía e Alimentación e en liña co proxecto de especialización do campus de Ourense Campus Auga, será, indican os seus responsables, “fundamental como dinamizador do ámbito académico agroalimentario de Galicia, mellorando a colaboración científica, a transferencia de coñecemento e a valorización de recursos endóxenos da eurorrexión”. Especificamente e entre outras accións, a UVigo será coordinadora do desenvolvemento do plan estratéxico da rede e da liña de traballo en capacitación e valorización do talento a través do desenvolvemento de seminarios, a organización dun congreso Interfood e a xestión de intercambios académicos.