DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A proposta é do investigador da Universidade de Vigo Marcos Guimarey

Un proxecto de 'pegadas' gaña o Concurso de Iniciativas Saudables

Todos os participantes recibirán un diploma acreditativo pola achega de ideas realizada

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 08/02/2012

Pedíase unha idea para mellorar os hábitos de vida das persoas que estudan e/ou traballan no campus de Ourense e rematado o prazo de presentación de propostas o I Concurso de Iniciativas Saudables Campus ConVida xa ten gañador. É o investigador da Universidade de Vigo Marcos Guimarey, polo seu Proxecto Pegadas. Co obxectivo de fomentar a vida sa nos diferentes eidos, desde a práctica deportiva ata o abandono do tabaco, a idea gañadora consiste na colocación en lugares estretéxicos do campus de adhesivos con datos impactantates ou de utilidade e que queren facer conscientes ás persoas das consecuencias de determinadas accións na súa saúde.

O xurado do concurso estivo presidido por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e composto por María Reyes, directora da Escola Universitaria de Enfermaría; Julia de la Montaña, docente da Facultade de Ciencias; José María Failde, profesor da Facultade de Ciencias da Educación; Angélica Ferro, psicopedagoga do campus; e os técnicos dos Servizos de Deportes da Universidade de Vigo Rodrigo Pivida e Guillermo Santos, do campus de Ourense, e Javier Rial e Román Lago, do campus de Vigo.

Tras a valoración das seis propostas presentadas decidiuse conceder o primeiro premio, un IPAD 2 de 16 GB e wifi, á proposta de Marcos Guimarey e declarar deserto o segundo premio. Tamén se decidiu outorgar un diploma acreditativo de agradecemento pola súa achega de ideas aos demais participantes na convocatoria, que foron Germán Rodríguez, Pablo Manuel Bermejo, Roi Pereira, Órcar Pérez e Carmen Neri Fernández.

O custe de ir en ascensor ou comer lambetadas

No Proxecto Pegadas Guimarey propón a colocación dunha serie de adhesivos en lugares estratéxicos e de uso cotiá da comunidade universitaria. Nelas e a través de datos e información impactante ou de utilidade, o obxectivo sería concienciar ás persoas das consecuencias que teñen determinadas accións para a súa propia saúde ou a da súa contorna, entendendo a saúde no seu concepto máis integral de saúde física, emocional, social, etc. Exemplos deste proxecto serían a colocación nun ascensor dun adhesivo indicando a enerxía que consume cada vez que se emprega ou sinalar nunha máquina expendedora de lambetadas o deporte que é preciso realizar para contrarrestrar a inxesta dun destes produtos.

Á hora de elixir a proposta gañadora o xurado valorou das ideas presentadas o seu carácter innovador, a súa orixinalidade e creatividade e a concreción e viabilidade dos proxectos (custe económico, utilización de recursos xa existentes ou vías de financiamento).