DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro da Área de Igualdade e da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes

O proxecto do Plan Concilia avanza na busca da igualdade real na Universidade

Con medidas sobre maternidade, familias monoparentais, coidado de dependentes e vítimas de violencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 26/02/2010

Na actualidade, a Universidade conta con diversas medidas e documentos a prol da conciliación da vida laboral e familiar dos seus traballadores. O proxecto do Plan Concilia, no que a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes e a Área de Igualdade levan traballando máis dun ano, pretende reunir estas medidas nun único documento de xeito que se unifiquen para que sexan de aplicación xeral a todos os colectivos da Universidade de Vigo.
Aínda que se trata dun proxecto que debe ser negociado cos sindicatos e aprobado posteriormente no Consello de Goberno, a vicerreitora explica que recolle todas as vantaxes “que xa teñen conseguidas algúns dos colectivos da Universidade en termos de conciliación”. Non se trata de medidas novas na súa totalidade, sobre todo no que se refire a permisos e licencias, que está xa recollidos en normativas xerais e normativas específicas da Universidade de Vigo “como nalgún convenio colectivo”, explica a vicerreitora. Hai permisos que son de aplicación xeral como de o de maternidade ou lactación, “pero hai outros temas, como o permiso de paternidade, son diferentes segundo sexa un colectivo ou outro, polo que a finalidade é unificar estas medidas”. Dende o punto de vista da directora da Área de Igualdade, Carmen Quinteiro, a finalidade é tratar de maneira igualitaria a todos os colectivos, “que non dependa dos convenios colectivos, recoñecendo que as necesidades de conciliación as ten todo o mundo, independentemente do colectivo ao que se pertenza”.

A conciliación como ferramenta para obter a igualdade

A vicerreitora e a directora da área coinciden en subliñar que este proxecto contempla as medidas de conciliación da vida familiar e laboral como unha ferramenta para acadar a igualdade real na Universidade. “Este é un texto aberto, a idea é que, co tempo, se vaian fixando novas accións e medidas, este é o punto de partida”, apunta Carmen Quinteiro. Para iso contarase cunha Comisión Integral de Conciliación que traballará a prol da corresponsabilidade, “porque estas medidas son para todos, para homes e mulleres, de outro modo non habería igualdade real”, explica a vicerreitora, que engade que esta propostas “tratarán de corrixir desigualdades históricas que están enraizadas na cultura, que tenden a deixar sobre as mulleres certas responsabilidades, no só no coidado de fillos e fillas senón de familiares maiores, dependentes e dos labores domésticos”.

Novas achegas e reunificación de medidas

Este documento unifica así as medidas de conciliación que se viñan aplicando para os diferentes colectivos da Universidade e as novas achegas, o que dá como resultado o marco de actuación nos casos de maternidade, coidado de dependentes, familias monoparentais e vítimas de violencia de xénero...
No que se refire á maternidade, as medidas pretenden ser un contrapeso para que ser nai non supoña un freo no desenvolvemento da carreira profesional. Para o colectivos de PAS comprende a racionalización de horarios e posibilidade de pedir unha redución de xornada, sempre sen prexuízo do servizo que se oferta, “xa que non podemos esquecer o servizo en si mesmo” explica Quinteiro. No caso do Persoal Docente e Investigador, o Plan Concilia inclúe unha novidade substancial encamiñada a non frear a carreira investigadora das mulleres no momento de ser nais, “xa que sempre que hai algo que se prioriza é en detrimento da investigación”, apunta Cabeza. A medida comprende a posibilidade de reducir a carga docente ata nun 75%, para que esa redución se vexa reflectida na investigación, que “é a que prima na promoción” explica. Así, ínstase a centros e departamentos a ter en conta non só criterios de organización académica e produción científica, senón tamén unha perspectiva de xénero, de conciliación.
Todas estas medidas de racionalización de horario serán tamén tidas en conta para os traballadores e traballadoras que teñan persoas dependentes ao seu cargo e terán unha especial atención ás familias monoparentais, “xa que non podemos quedar de costas aos novos modelos familiares”, explica a vicerreitora.

Medidas de protección de vítimas de violencia de xénero

Ata agora non existe na Universidade unha normativa propia neste campo e as medidas que se inclúen no proxecto do Plan Concilia representan un avance, malia que debemos ter en conta que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais desenvolveu xa algún protocolo neste mesmo sentido. Segundo explica Carmen Quinteiro, o documento recoñece “a posibilidade de pedir unha excedencia” por este motivo, así como a opción cambiar de tipo de posto de traballo, destino, etc. Unha das grandes novidades, que a vicerreitora Mª Carmen Cabeza, considera “moi útil” é a posibilidade de asinar convenios con outras universidades para que haxa a opción de intercambio das mulleres que se atopan nesta situación.
En definitiva, tanto a vicerreitora como a directora da área, coinciden en sinalar que debe ser un plan que permita a todos os traballadores e traballadoras da Universidade “gozar unha boa calidade de vida” centrándose no “desenvolvemento integral das persoas, de mulleres e de homes; a igualdade é para todos”. Conclúen ambas destecando a importancia da negociación e dos acordos xa que este “ten que ser un plan que toda a comunidade universitaria sinta como necesario, que naza do consenso”.