DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Liderado pola investigadora Rocío Hernández no marco da Cátedra Feminismos 4.0 da DEPO-UVigo

Un proxecto pon en valor as achegas de ilustradoras, maquetadoras e tradutoras á industria editorial en Galicia

Recolle nunha base de datos os datos biográficos e profesionais das mulleres neste sector

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Investigación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 15/12/2023

Dende finais do franquismo ata a actualidade foron moitas as mulleres que traballaron no sector editorial en Galicia, aínda que moitas delas non tiveron toda a relevancia que as súas achegas mereceron. Para poñer en valor a cara feminina da edición en Galicia, a investigadora do grupo Elyce/Literacine Rocío Hernández coordina un proxecto financiado pola Cátedra Feminismos 4.0 da DEPO-UVigo que botou a andar no verán e que este venres xa presentou publicamente os seus primeiros resultados. 

Nun acto celebrado na Facultade de Filoloxía e Tradución, a docente presentou unha base de datos na que se inclúen os datos biográficos e profesionais das ilustradoras, maquetadoras e tradutoras no sector editorial galego. Como explica Hernández, o proxecto titulado A Outra Cara da Edición Feminina en Galicia: Ilustradoras, Maquetadoras e Tradutoras céntrase en investigar a participación das mulleres na industria editorial en Galicia desde finais do franquismo ata a actualidade, recollendo e analizando datos sobre diversas funcións femininas no sector, incluíndo roles como editoras, ilustradoras e tradutoras. O obxectivo, recalca, “é destacar a contribución feminina nesta industria e a súa evolución ao longo do tempo”.

Esta non é unha liña de traballo nova para Hernández, que xa leva tempo estudando a historia da edición noutros ámbitos. Pero tras a súa estadía no Grupo de Investigación sobre Cultura, Edición y Literatura en el Ámbito Hispánico, que pertence ao Centro de Ciencias Humanas y Sociales do CSIC decidiuse por trasladar esta liña de investigación ao ámbito galego.

Unha base de datos froito das achegas de máis de 50 profesionais

Froito dos primeiros meses de traballo, a investigadora presentou hoxe unha base de datos elaborada como resultado da exploración de arquivos e entrevistas con editoras actuais. A base inclúe os datos biográficos e profesionais de ilustradoras, maquetadoras e tradutoras, mulleres que, como explica, “teñen un vínculo coa provincia de Pontevedra, xa sexa por nacemento, por residencia ou por vínculo profesional cunha das editoras da provincia”. 

Para recoller estes datos, Hernández realizou “unha consulta extensiva a través de editoras galegas, buscas en internet, etc. á que responderon máis de 50 mulleres ilustradoras, maquetadoras e tradutoras”. Por outra banda, leváronse a cabo dez entrevistas, para as cales se realizaron tres cuestionarios distintos, dependendo da súa profesión, oito delas graváronse en vídeo e dúas en audio. As entrevistadas foron as ilustradoras Cecilia Estévez, Kristina Sabaite e Luz Beloso, as maquetadoras Anxa Correa, Alba Pernas, Hayat Hussein e Alicia Rodríguez e as tradutoras Laura Sáez, Isabel Soto e Estela Villar. Nestas entrevistas “abordáronse diferentes áreas do traballo editorial, as vinculadas ás súas profesións, pero tamén se falou de feminismo no ámbito editorial e do papel que xoga e xogou a muller nel ata a actualidade”. A montaxe final, que leva por título IL-MAQ-TRA: As súas voces, foi proxectada durante o acto de presentación e tamén poderá visualizarse a través da web de UVigoTV. 

A base de datos, como indicaba a súa autora, está en proceso de ser engadida ao Portal da Cultura Impresa en Lingua Galega, pertencente ao Instituto da Lingua Galega. Ademais, engade, a base tamén estará accesible a través dun proxecto máis amplo que está a desenvolver Hernández titulado Edición feminina e feminista na Galiza posfranquista. No seu espazo web haberá un área de busca na base de datos, que como lembra a investigadora non é pechada, senón que “segue en construción e calquera muller que traballe no ámbito editorial pode enviar os seus datos para que sexan engadidos a ela”. 

Novas metas: unha publicación científica e promoción do documental

O proxecto non remata coa creación da base de datos e, como lembra a investigadora, quedan por diante novos retos, como recoller os resultados nunha publicación científica que posiblemente se publicará na Universidade do Minho. Por outra banda, Hernández tamén comezará agora o proceso de distribución do documental, que será levado aos centros de ensino secundario no marco das actividades 11F organizadas pola Unidade de Cultura Científica e tamén a diferentes entidades e asociacións.

Tras a presentación da base de datos desenvolveuse un coloquio na que participaron Cecilia Estévez, ilustradora; Anxa Correa, maquetadora, e Laura Sáez, tradutora, acompañadas pola directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez.