DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido polo Museo de Arte Contemporánea de Castilla y León

O proxecto Proforma busca voluntarios para unha reclusión creativa con tres artistas

A organización buscar creadores na Facultade de Belas Artes para participar nesta “corentena”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 19/10/2009

A xeito de concentración pero cunha finalidade artística, o proxecto Proforma busca 15 voluntarios relacionados coa práctica da arte para participar nunha iniciativa que os recluirá durante 40 días con tres artistas de recoñecido prestixio. A finalidade desta iniciativa é realizar un programa de exercicios que ten como obxectivo a transformación tanto das persoas como das obras, facendo compartido un proceso, o creativo, que adoita ser persoal e privado.
Promovido polo MUSAC, Museo de Arte Contemporánea de Castilla y León, institución que acollerá a corentena, Proforma está a procura de persoas interesadas e é algo que pode ser atractivo, segundo explica o decano da Facultade de Belas Artes, Ignacio Barcia, “para os nosos estudantes dos últimos cursos, licenciados recentes e estudantes de doutoramento”. Sexa como sexa, Barcia sinala a importancia de colaborar cunha institución do prestixio do MUSAC “con calquera motivo”.

Arte como modo de coñecemento e comunicación

Os responsables do proxecto presentarán Proforma este xoves na Facultade de Belas Artes co fin de buscar voluntarios que se terán que enfrontarse a 30 exercicios que deben ser completados en 40 días, dedicándolle 8 horas ao día a partir do 8 de febreiro.
Xunto con eles, compartirán espazo os artistas Txomin Badiola (Bilbao, 1957), Jon Mikel Euba (Bilbao, 1967) e Sergio Prego (San Sebastián, 1969) que desenvolven esta experiencia para o MUSAC.
A finalidade dos artistas é facer partícipes a outros, a través da acción, dunha experiencia normalmente privada. Así, cada exercicio producirá resultados tanto físicos como inmateriais que deberán ser compilados. Ao rematar cada día de traballo, estes resultados serán valorados e avaliados, tanto no que se refire á súa análise como experiencia como no relativo á comunicación.
Cada un dos artistas e directores do proxecto abordará a realización de 10 exercicios, permitindo, segundo se decida en cada caso, a intervención de todos en cada traballo. Os voluntarios serán a canle da realización dos exercicios.
Para todo isto, dende o MUSAC búscanse persoas vinculadas á práctica da arte pero non necesariamente das artes plásticas, sempre que estean interesadas na participación activa nunha experiencia da arte como modo de coñecemento e comunicación.

Intensidade, exceso e illamento

As condicións desta iniciativa convértena nunha sorte de concentración marcada, segundo os organizadores pola intensidade, motivo polo que se require dos voluntarios “un compromiso co exceso que Proforma representa, un exceso tanto na duración das actividades presenciais de 8 horas ao día durante 40 días, como na intensidade marcada polo ritmo dos exercicios, polas condicións de illamento e concentración”. Así, será imprescindible a presenza continuada dos participantes durante 6 semanas de luns a sábado.
A convocatoria das 15 prazas, que se presentará o xoves ás 13.00 horas na Facultade de Belas Artes permanecerá aberta ata o 12 de decembro.