DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinado polas investigadoras da Facultade de Ciencias Sandra Rivas e Patricia Reboredo

Un proxecto propón aproveitar as podas de oliveiras autóctonas para obter compostos de valor engadido

O estudo foi financiado pola convocatoria de axudas Inou

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 17/02/2023

Investigadoras de varios grupos da Facultade de Ciencias do campus de Ourense acaban de realizar un proxecto de dinamización do sector oleícola na provincia de Ourense. Nel propoñen o aproveitamento das podas da oliveira procedentes de variedades autóctonas galegas e a súa valorización para obter compostos de valor engadido.

O estudo foi un dos seis proxectos de investigación interdisciplinares financiados polas Axudas a Grupos de Investigación do Campus de Ourense Inou 2022 e que veñen de rematar a súa execución. Dotada en total con 47.000 euros, esta convocatoria da Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense está destinada a apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia e ao coñecemento da súa realidade, así como á especialización do Campus de Ourense-Campus da Auga.

O proxecto estivo coordinado polas investigadoras Sandra Rivas, do grupo Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ2), do Departamento de Enxeñería Química, e Patricia Reboredo, do grupo Food and Health Omics (CF1), do Departamento de Química Analítica e Alimentaria. Segundo explican, tratouse dunha “investigación multidisciplinar enfocada ao desenvolvemento de alternativas sostibles para o aproveitamento e valorización de biomasa vexetal”. “As oliveiras son un cultivo emerxente na provincia de Ourense e a xestión das súas podas representa un custe para os olivicultores, considerando o potencial crecente que representa o sector oleícola”, comentan as investigadoras da UVigo. Neste contexto, engaden, o seu proxecto propuxo “o desenvolvemento de procesos que permiten a obtención de bioprodutos a partir das podas cun custe residual”.

Dúas liñas de traballo

Na investigación, que contou coa participación de persoal investigador dos dous  grupos implicados, empregáronse podas de oliveira de dúas variedades autóctonas galegas: Mansa de Figueiredo e Brava Galega. O proxecto, de carácter coordinado, estivo formado por dous subproxectos que “converxen en obxectivos que contribúen ao desenvolvemento de novas estratexias de biorrefinería para a valorización integral dos constituíntes da biomasa (extractos, celulosa, hemicelulosas e lignina)”.

O primeiro destes subproxectos centrouse no emprego das podas para a separación selectiva dos seus constituíntes, e a posterior valorización das fraccións de natureza sacárida, dentro dun contexto de biorrefinaría multiproduto. Concretamente, obtívose ácido levulínico, un precursor natural dunha ampla gama de produtos químicos renovables de interese industrial e biocombustibles. Tamén se traballou na obtención de disolucións ricas en azucres, con potencial para ser empregadas como substratos para a obtención de bioprodutos. “Para isto seleccionáronse tecnoloxías nas que se empregan auga e disolventes orgánicos, que foron recuperados e reutilizados de novo no proceso”, apunta Sandra Rivas.

O segundo dos subproxectos, do ámbito científico e liderado por Patricia Reboredo, abordou a recuperación e avaliación dos compostos bioactivos presentes nas podas, máis especificamente compostos fenólicos, de interese para o seu emprego nas industrias alimentaria, cosmética e farmacéutica. Para isto, empregáronse mesturas de disolventes de extracción e levouse a cabo unha caracterización pormenorizada da composición fenólica. Determináronse un total de 12 compostos fenólicos, moitos deles tamén presentes noutros tecidos oleícolas e mesmo no aceite de oliva. De todos eles, as podas da variedade Brava Galega conteñen, principalmente, taxifolina, oleuropeína e verbacósido mentres que nas podas da variedade Mansa de Figueiredo destacan, sobre todo, verbascósido e oleuropeína.

Para poder completar o estudo e realizar unha caracterización fenólica de todas as correntes do proceso, detallan as dúas investigadoras, precísase unha continuidade da liña de investigación e da colaboración entre ambos grupos participantes. “Trátase dunha proposta innovadora baseada na procura de compostos bioactivos e bioprodutos a partir de biomasa que pretende xestionar e minimizar os residuos oleícolas no contexto dun proceso sostible baseado nunha bioeconomía circular”, afirman por último as responsables a iniciativa.