DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Galardoado por UVigo e AJE-Pontevedra no marco da rede Eusumo

Un proxecto que propón converter contedores en albergues accesibles gaña o primeiro premio ‘In-Teams’

'Horreum' foi desenvolto por Esteban Maestripieri e David Camba

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 26/10/2022

Horreum, un proxecto de negocio que ten como punto de partida a idea de acondicionar contedores para convertelos en albergues accesibles para persoas con mobilidade reducida, converteuse no gañador do primeiro premio do programa In-Teams, promovido pola Universidade de Vigo e AJE-Pontevedra, no marco da Rede Eusumo. Dirixido a favorecer a creación de proxectos empresariais que tivesen como punto de partida resultados de investigacións desenvolvidas no campus ou as propias ideas de negocio das persoas participantes, esta iniciativa englobou o desenvolvemento dunha serie de accións formativas en materia de economía social, así como sesións de asesoramento que guiaron aos participantes no desenvolvemento dos seus plans de negocio. Tras defender os seus proxectos a semana pasada diante dun xurado integrado por representantes da UVigo e da Asociación de Jóvenes Empresarios, a Casa das Campás acolleu na tarde deste martes a entrega de galardóns ás mellores propostas. 

Nun acto no que participaron o director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, Luis Torres, e o presidente de AJE-Pontevedra, Jesús Rey, outorgouse un primeiro premio de 750 euros a Esteban Maestripieri, exalumno do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible, e David Camba. Convertéronse en gañadores grazas a Horreum, un proxecto centrado na posta en marcha de albergues accesibles que serían xestionados, explicaron, “por persoas con capacidades especiais”. O segundo premio, cunha dotación económica de 500 euros, foi para a investigadora da Facultade de Fisioterapia Karina Pitombeira por Pedaleando contra o Párkinson, un proxecto que ten como punto de partida as investigacións que desenvolven no grupo HealthyFit sobre as posibilidades do exercicio forzado, aquel no que o equipamento asiste nos movementos, á hora de atenuar determinada sintomatoloxía nos pacientes de Párkinson. A súa proposta, explicou, baséase na aplicación dunha “técnica de ciclismo en alta velocidade en bicicletas estáticas” dirixida a persoas afectadas por esta esta enfermidade ou outras patoloxías neurodexenerativas.

Recoñecemento a outros tres proxectos

Fóra dos dous premios económicos, o xurado de In-Teams outorgou a terceira maior puntuación a Sator, un cuestionario online que ten como propósito “converterse na ferramenta de referencia para aqueles organizadores de carreiras en ruta e trail running que desexen avaliar o seu desempeño en materia de sostibilidade, así como detectar áreas de mellora”, desenvolvido pola investigadora do grupo EcoEvo Anais Rivas. Así mesmo, no marco deste programa tamén se desenvolveron os plans de negocio de Upcycling Galicia, de Diana Pernas e Sary Rodríguez, centrado na confección de novos produtos a partir de residuos téxtiles, e a plataforma de comercio electrónico Conxelados a domicilio, de Seila Iglesias.

Inserido nas iniciativas da Rede Eusumo, impulsada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, In-Teams dá continuidade a actvidades previas, como o concurso Crea economía social, coas que a Vicerreitoría e AJE-Pontevedra apostan por unir a economía social e o alumnado do Campus Crea coas experiencias que se unifican baixo a asociación empresarial.