DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar entre o 11 e o 13 de novembro no Auditorio Municipal

O Proxecto Ronsel achega a súa visión sobre o patrimonio cultural inmaterial como factor de cohesión social

Con motivo da celebración da Conferencia Internacional da Tradición Oral

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 08/11/2010
Científicos de recoñecido prestixio procedentes de diversos países europeos daranse cita en Ourense entre o 11 e o 13 de novembro con motivo da Conferencia Internacional da Tradición Oral para reflexionar sobre a importancia da oralidade como ferramenta de diálogo intercultural e de construción do patrimonio. Precisamente para disertar sobre a cohesión social que se consegue a través do patrimonio cultural inmaterial acudirá, en representación do Proxecto Ronsel, Iván Area, profesor da Universidade e músico, que entende que “a evolución desenvolveu ferramentas como o traballo comunal e a música que potencian a unión entre os seres humanos e a sensación de ir camiñando nun mesmo sentido”.

Para Area, as actividades, crenzas e procesos compartidos xeran unha forte cohesión social, é dicir, o patrimonio cultural inmaterial mantén a un grupo social unido e cun obxectivo común. Deste xeito, a súa desaparición significa, literalmente, “a destrución do grupo como tal e da sociedade na que se integra, que pasaría, entón, a empregar outro sistema de valores, crenzas, ritos e usos sociais que lle son alleos e que, con seguridade non estará tan adaptado á súa contorna particular”.

Coincidindo simbólicamente cunha das festas tradicionais máis arraigadas en Ourense, como é o San Martiño, o Auditorio Municipal acollerá estas xornadas na que estarán representadas as sete cidades que participan no programa europeo Oralities, a búlgara Sliven; Birgu, situada na illa de Malta; Évora, Mértola e Idanha a Nova, de Portugal; a italiana Rávenna e a cidade das Burgas.

Festival das Tres Culturas

Paralelamente, entre os días 10 e 14 deste mes celébrase o Festival das Tres Culturas, coas actuacións musicais de grupos das sete cidades participantes no encontro, que se desenvolverá a partir das 20.30 horas da tarde no paraninfo do IES Otero Pedraio. No mesmo instituto permanecerá aberta ao público a mostra itinerante sobre patrimonio inmaterial que o Proxecto Ronsel organiza co obxectivo de “facer que os rapaces participen de forma activa no evento”, explica Area. Ademais de contar coa presenza permanente de diversos artesáns, as actividades completaranse con obradoiros de xoguetes sonoros e tradicionais.

Todo isto complétase cunha exposición incluida no Outono Fotográfico que ofrecerá imaxes de tódalas cidades participantes e que se poderá visitar no MuseoMunicipal. Pola súa banda, o traxe tradicional galego terá tamén o seu espazo no Auditorio Municipal grazas ás prendas cedidas pola Asociación Galega do Traxe e pola Asociación Bulideira.