DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada en colaboración co CRE da ONCE, a mostra reúne obras de estudantes e egresadas de BBAA

'Proxecto Táctil' articula un percorrido pola Sala X no que achegarse á arte coas mans

Servirá tamén para iniciar unha investigación sobre a percepción da arte por persoas invidentes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Igualdade
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 29/06/2018

Promover un achegamento á arte contemporánea a través do tacto, reunindo nunha exposición unha serie de obras que, grazas ao uso de materiais ou texturas, poidan ser percibidas coas mans é o propósito central de Proxecto Táctil, a exposición que desde a tarde deste xoves e ata o 13 de xullo pode visitarse na Sala X. A nova edición desta mostra colectiva comisariada pola decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García, articula desta volta un percorrido pola propia sala de exposicións, que se inicia cun texto en braille presidindo a parede de entrada, desde onde unha serie adhesivos no chan van guiando aos e ás visitantes, que dispoñen tamén de antefaces para a realización dun percorrido polas distintas mesas, peañas e paredes nas que se reúnen as obras realizadas en diferentes materiais por doce estudantes e ex-alumnas e ex-alumnos da facultade.

Un percorrido que, na propio acto inaugural, puido realizar xa un grupo de rapaces e rapazas invidentes que se atopan nestes días participando en Pontevedra nun campamento de verán do Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE en Pontevedra, que colabora de novo co proxecto expositivo que o pasado ano tomou o relevo de Tactilicia, unha iniciativa centrada na creación de obras para persoas invidentes impulsada pola delegación de alumnado da facultade. Nesta ocasión, como explica García, a exposición reúne tanto obras “feitas expresamente para a exposición”, como outra serie de pezas xa realizadas previamente “e que polo tipo de materiais” podían adaptarse a este proxecto.

Dun horizonte en braille aos sons do mar

Laura Álvarez, Thomas Apostolou, Covadonga Barreiro, José Eiras, Mari Luz Feijóo, Montse Gay, Diego Germade, Alejandra Lago, Eva Monroy, Estefanía Muñiz, Begoña Paz e Pilar Picas son as e os doce protagonistas dunha exposición que se abre, na parede situada no acceso á Sala X, cunha liña en braille na que se pode ler varias veces á palabra horizonte. Trátase dunha obra conxunta de Barreiro, Germade e Paz, que presentan este texto nunha parede “pintada en branco, de tal xeito que pode pasar inadvertido”, converténdose así nunha “obra invisible, pero visible” para as persoas con discapacidade visual, á vez que xoga coa “dualidade” que supón o concepto horizonte como “ese punto de invisibilidade tamén no que a terra xúntase co ceo”, sinalan Paz e Barreiro.  

Tras ese horizonte, Proxecto Táctil reúne unha serie de pezas definidas polo uso de diferentes texturas e materiais, desde a madeira coa que o alumno José Eiras deu forma a unha “peza movible, pensada para que se interactúe con ela”, como explica García, á “gran bola de plastilina” que Diego Germade achega á mostra co propósito de ir retratando en fotografías as alteracións que as pegadas da xente irán deixando nela. Así mesmo, o son incorporase ao táctil a través dunha instalación de Monste Gay, na que os espectadores poden ir tocando unha serie de obxectos pendurados do teito á vez que escoitan o son do mar.

“A iniciativa encantoume, é como rachar con esa barreira dos museos de non tocar as obras”, salienta a alumna de doutoramento Eva Monroy, que suma á exposición unha peza creada a partires da acumulación de restos de pintura acrílica, que foi reunindo no marco da súa liña de traballo artístico, centrado nas ideas de acumulación e colección, e que lle permiten sumar á exposición esa posibilidade de “tocar a pintura”. Ter “outra perspectiva de partida”, cuestionarte “cousas que probablemente no farías pensando que a arte se ve pero non se pode tocar” constitúe nese senso unha das “inquedanzas” que este proxecto achegou á investigadora Begoña Paz, que ademais de participar na obra colectiva da entrada achega á exposición “un traballo sobre o concepto da identidade e da construción da persoa”, na que superpón a un vello escritorio fragmentos de pezas construídas a partires de rostros diferentes para chegar finalmente a unha peza que representa un rostro completo a través dun “percorrido lineal” ao longo dunha obra que, explica, parte dun “proceso de traballo previo que reformulei e adaptei a unha narrativa non visual”. 

O punto de partida a unha investigación

Probas e texturas é o subtitulo dunha exposición coa que, apunta García, “queremos iniciar unha investigación máis sistemática sobre a relación entre a percepción estética e o feito de tocar”. Nese senso, proxéctase continuar o vindeiro curso con este proxecto realizando, en colaboración da ONCE, “un test de materiais que permitan, nunha “investigación cooperativa” poñer en relación como as persoas invidentes perciben as pezas, materiais e texturas empregadas “e os conceptos de apreciación estética que temos asociados obviamente á vista”.