DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo é un das trece institucións promotoras deste concurso, que alcanza a súa sétima edición 

O proxecto Youtubeiras premiará con 7500 euros a creación na rede de contidos en galego 

O prazo de presentación de vídeos permanece aberto ata o 17 de novembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Pontevedra 21/09/2023

Fomentar a creación en Youtube de contidos en galego, de temáticas e formatos diversos, é o obxectivo do proxecto Youtubeiras, promovido polos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, de nove concellos e da Deputación da Coruña. Baixo o lema de Rede diversa, Rede Aberta, este xoves ponse en marcha a sétima edición deste certame, no que se outorgarán 7500 euros en premios nas súas oito categorías. Ata o 17 de novembro permanecerá aberto o prazo de presentación de pezas a un certame que contará novamente coas categorías de canle, youtubueira, youtubeira revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro e rede, nas que se outorgará un galardón de 1000 euros, xunto cun premio do público, dotado con 500 euros. De xeito paralelo, tamén se porá en marcha un programa de formación, con obradoiros nos centros de ensino dos concellos promotores desta iniciativa, nos que participará a creadora de contidos María Rúa, responsable da canle PradoRúa

A sétima edición de Youtubeiras foi presentada este xoves no Concello de Pontevedra, nun acto que contou coas intervencións da vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, Susana Reboreda; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez; o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Lingua de Rois, Victoria Quiroga. Todos eles puxeron o foco tanto na importancia da colaboración institucional no fomento da lingua, como no feito de que Yotubeiras tense convertido nun ”certame de referencia para a comunidade creadora de contidos dixitais na nosa lingua”, como sinalou Gómez. Nese senso, a vicerreitora de Extensión Universitaria sinalou que, edición tras edición, “incrementouse a riqueza temática dos participantes e o seu nivel técnico”, ao igual que o número de proxectos que concorrían a estes premios. Así, despois de que na edición inaugural, en 2017, se presentasen 202 vídeos, esta cifra chegou a 536 en 2020. Ao ano seguinte, o certame pasou a centrarse nas canles e presentáronse 38, cifra que ascendeu a 75 o ano pasado. De seleccionar os gañadores e gañadoras neste 2023 encargarase un xurado integrado por Nee Barros, quen se fixo cun dos galardóns na pasada edición polo seu labor de divulgación cultural na rede; Fátima Souto, do Servizo de Normalización do Concello de Ames; o xornalista musical Rodri Méndez e as creadoras audiovisuais Irene Pin e Belén Piume.