DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A proximidade é a raiña da publicidade

Axencias galegas e clientes contan as súas experiencias en Fálame do teu 2.0

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 08/11/2010

Nin premios, nin bagaxe. O que priman as empresas cando buscan unha axencia de publicidade "é poder descolgar un teléfono e nun rato estar na sala de reunións resolvendo calquera problema que xurda", aseguraba María do Río, responsable do departamento de publicidade de Caixanova. Ela, xunto a Ana Rumbao e Sole Arenaza, caras visibles de La ballena que va llena, foron as encargadas de abrir a quenda de relatorios de Fálame do teu 2.0, unhas xornadas sobre experiencias publicitarias que na súa segunda edición traslada o escenario a grandes campañas en Galicia. Como mostra, dous botóns: a Saga de cine de Caixanova e o Vivamos como galegos ou Maloserá de Gadis.

A meirande parte deses éxitos pasan só por unha cousa: a confianza e a complicidade. Como a que amosaron as representantes de Caixanova e de La ballena que va llena, que fixeron unha presentación a tres en perfecta sintonía. Iso que os comezos non foron sinxelos: con tan só tres anos de vida, a axencia dirixida por Ana Rumbao e Sole Arenaza comezou a coquetear con Caixanova facendo pequenos traballos de adaptación da publicidade que creaba para a entidade financieira unha multinacional con moitos galardóns, pero sin oficina na cidade e unha conexión tan directa. Iso unido á calidade creativa e ser capaces de adiantarse as necesidades do cliente deulles a posibilidade da "gran campaña".

Sagas de cine era un paraugas, unha aposta moi arriscada para tratar de vender un produto "moi difícil de explicar, pero un comodín para a caixa". Imaxes semellando carteis de cine co Depósito Bogart, un gran tipo con gran interés, o Depósito Wayne, un tipo co que sempre gañas ou o Depósito Elvys, o rei de todos os tipos causaron polémica interna pero moi bo efecto para picarlle a curiosidade aos clientes por un produto potencialmente tan clásico e gris. Dende entonces, a axencia leva o 90% da publicidade financieira de Caixanova, que lanza 90 campañas ao ano, unha media de dúas á semana. "Empezamos sendo un affaire e agora somos noivos formais", explica Rumbao.

Un traballo diario duro, estresante e ás veces demasiado tenso que tamén trataron de retratar Miguel Conde, de BAP Conde, e José Luis Fernández, director de comunicación e publicidade do grupo Gadisa. Con capital totalmente galego, a empresa apostou tamén por outra axencia 'made in' Galicia coa que xa leva 20 anos de relación. Dende os primeiros anuncios de supermercados Aldi no ano 1992 nos que xa quedaba patente "o xermolo de como facemos as cousas, cunha aposta polos formatos grandes" ás recoñecidas producións de Vivamos como galegos, que botan man do orgullo da terra para identificar ao público coa marca vai toda unha vida de crecemento en común. "Foi un frechazo. Tiñamos que cambiar a mala imaxe da compañía, era o punto clave de inflexión. Había que dar un paso ao fronte para ascender á primeira división, porque estabamos a piques de descender a segunda", recorda Fernández. A aposta foi todo un éxito.

A publicidade municipal a análise

Todos os luns durante o mes de novembro a Casa das Campás acollerá dúas conferencias con representantes do eido da comunicación para achegar a súa visión particular sobre o desenvolvemento da publicidade na comunidade galega. O vindeiro luns 15 de novembro os relatorios centraranse nun tema peculiar: a publicidade do concello. Para falar do asunto estarán presentes a partir das 18.00 horas José Antonio Pérez, de Era Comunicación; Vanesa Chousa, de Trisquelia; Cristina Varela, de Dominio Público; e Ismael Calvo, de Ovo Publicidade. Unha hora despois a cita será con Jaime Conde, de Quattro IDCP e Román Romeral, de R.