DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta mañá presentouse a candidatura ante o ICANN

O próximo ano é posible que se poidan rexistrar dominios .gal

A directora da EE de Telecomunicación amósase optimista en acadar un dominio en internet para a cult

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 29/05/2012
A posibilidade de que a lingua e a cultura galega conten cun dominio .gal en Internet está cada vez máis próxima despois de que a Asociación PuntoGal presentara esta mañá en Santiago de Compostela a súa candidatura ante o ICANN –Internet Corporation for Assigned Names and Numbers-, o organismo internacional encargado de gobernar as dirección de Internet. Con todos os trámites económicos, técnicos e administrativos xa completados, agora toca esperar entre 12 e 18 meses para saber si se conseguirá ou non un dominio galego propio.

“É unha oportunidade realmente histórica, que conta co apoio de toda a sociedade”, subliñou na presentación o presidente da asociación e membro da Real Academia, Manuel González, quen puxo este obxectivo común de todas as forzas políticas e sectores sociais como “exemplo” de que é posible a unanimidade cando se fan “propostas sólidas e serias”, subliñou ao fío que explicou que o .gal estará dispoñible para todas as webs que empreguen o galego ou que fagan nelas referencia á cultura galega e servirá para aumentar o prestixio da lingua galega tanto a nivel internacional como dentro de Galicia, favorecendo a súa transmisión ás novas xeracións.

Optimistas

“Estudando as condicións postas para a concesión do dominio parece que hai moitas posibilidade de que esta vez poida ser”, subliñou tras a presentación a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Edita de Lorenzo, que acudiu ao acto en representación da Universidade de Vigo, socia dunha iniciativa á que xa se adheriron máis de 100 institucións e organismos e arredor de 12.000 persoas. Trátase, a xuízo de Lorenzo, “de dar visibilidade ao idioma e a cultura galega a nivel global”, explicou. “Conseguir este dominio fará que teñamos unha grande visibilidade de Galicia de xeito directo en Internet, con todo o que isto pode supoñer hoxe en día”, engadiu a directora da escola viguesa.

Con motivo da presentación do proxecto organizouse unha mesa redonda que foi inaugurada pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e na que participaron, entre outros, representantes da Fundació PuntCat, que xestiona o dominio catalán .cat, conseguido xa no ano 2005 e que, polo de agora, segue sendo o único dominio aprobado pola ICANN para este tipo de comunidades. Dende entón logrou rexistrar máis de 55.000 identificadores o que pon de manifesto a viabilidade dos dominios lingüísticos. Conseguilo en Galicia, segundo a asociación, é posible tamén se se conta co apoio e a suma de todas as vontades da sociedade civil e empresarial, así como das diferentes autoridades.

Durante a presentación tamén estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen destacou que “conseguir o dominio é moi importante para a proxección do galego no mundo e para seguir gañando espazos de uso da lingua no universo de Internet”.

Repercusión económica directa

A responsable de Modernización sinalou que cando hoxe alguén dende Galicia rexistra un dominio xenérico a maior parte dos beneficios da operación marchan fóra. A activación de .gal permitirá que a maior parte da repercusión económica directa quede en Galicia, polo que servirá tanto para captar ingresos de fóra como para reducir o volume de diñeiro que marcha ao exterior produto do rexistro de dominios.

A Asociación comprometeuse diante da ICANN a que, unha vez consolidado o proxecto, se reinvistan todos os beneficios en programas que fomenten o galego nas novas tecnoloxías. Así o fai xa a Fundació puntCat coa súa Obra Social dende hai tres anos.Por exemplo, na última convocatoria os beneficios dos rexistros dos .cat servirán para financiar proxectos da sociedade da información en catalán que melloren a accesibilidade ás novas tecnoloxías por parte de persoas con discapacidades físico-sensoriais, que axuden a xerar contidos ou que desenvolvan ferramentas baseadas en estándares abertos.