DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa única excepción do Centro Universitario da Defensa de Marín

O próximo curso o alumnado volverá ás aulas o 5 de setembro

O Consello de Goberno aproba un calendario no que por 1º vez ningunha titulación terá exames en sete

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 15/04/2011
Resultado da progresiva adaptación ao Espazo Europeo da Educación Superior, o vindeiro curso as clases na Universidade de Vigo comezarán máis cedo ca nunca. O alumnado volverá ás aulas o vindeiro 5 de setembro e tanto clases como exames daranse por finalizados o 2 de xuño de 2012, establecéndose como data límite de entrega de actas o 22 de xuño. É unha das principais novidades do calendario dun curso que se caracterizará, entre outros aspectos, por ser o primeiro no que se produza a supresión definitiva en todas as titulacións do que eran os exames de setembro, que o vindeiro curso se celebrarán entre o luns 2 e o sábado 14 de xullo.

O calendario, aprobado este venres en sesión ordinaria do Consello de Goberno, divídese en dous cuadrimestres “plenamente equilibrados”, como subliñou a secretaria xeral, Inmaculada Valeije, de 18 semanas cada un deles, o que supón 85 días hábiles, excluídos sábados e períodos de vacacións. O primeiro período abarcará do 5 de setembro ata o 21 de xaneiro, reservando para exames dende o día 10, xusto á volta do Nadal ata o 21 dese mesmo mes, e o segundo, do 23 de xaneiro ao 2 de xuño, suspendéndose as clases o 21 de maio para a realización das probas de avaliación.

Só o Centro Universitario da Defensa Escola Naval Militar de Marín, onde se imparte o Grao en Enxeñaría Mecánica, disporá dun calendario diferente. Neste caso toda a docencia académica, universitaria e militar ha de impartirse en 35 semanas, incluíndo clases e exames, ao que hai que engadir seis semanas de instrución e adestramento. A diferenza tamén dos outros centros da Universidade, o CUD terá dous cuadrimestres asimétricos, o que permitirá a realización dos exames do primeiro cuadrimestre antes do Nadal, unha particularidade que non supón maior carga de traballo para o alumno, senón que simplemente cursará menos materias en menos tempo.

No que respecta ás titulacións de posgrao, compartirán calendario cos graos, coa única excepción da data de inicio das clases que, neste caso, se retrasará ata o día 13 de setembro.

Aprobada a programación docente para máis de 40 graos

Nesta sesión do Consello de Goberno, aprobouse tamén a Programación Docente Anual (PAD) para os máis de 40 graos que imparte a universidade viguesa “e que se atopan en diferentes fases de adaptación”, subliñou a vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións, Margarita Estévez, en referencia a que nalgunhas titulacións a implantación dos novos graos fíxose en bloque e, noutras, ano a ano de xeito progresivo, caso das enxeñarías, nas que en 2011/2012 lle tocará a adaptación do segundo curso.

Organizado en base ao tamaño medio dos grupos, o encargo docente aprobouse con 27 votos a favor, ningún en contra e a abstención dos representantes de Nova Universidade xa que, como subliñou o líder da formación Jaime Cabeza, “aínda que valoramos enormemente o esforzo realizado por todos os centros de axustarse a normativa, dende a nosa formación non estamos de acordo con esas normas e, polo tanto, o noso voto non pode ser favorable”, especificou, ao tempo que demandou un plan específico para o persoal docente e investigador, un aspecto ao que o reitor respondeu que, pendentes da aprobación no novo estatuto do PDI, “xa se está traballando nesa liña”.

Convenio coa Escola Superior de Economía rusa

Xunto a estes temas o Consello de Goberno deu tamén o seu visto e bo a un convenio marco de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Universidade Estatal Escola Superior de Economía, PERM, de Rusia que facilitará, ademais da mobilidade de estudantes e persoal docente, o desenvolvemento de proxectos de investigación conxuntos e a organización e realización de todo tipo de actividades académicas, tales como cursos, conferencias, simposios ou seminarios.

Xa na quenda de rogos e preguntas, Jaime Cabeza insistiu, unha vez máis, na necesidade de nomear xa un novo presidente para o Tribunal de Garantías, “dado que a persoa que está exercendo ese cargo leva xa varios anos en funcións”, ao que dende o equipo de goberno se lle respondeu que se está a buscar unha persoa de consenso “e, en canto teñamos esa proposta, será convocado o Claustro”.