DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As rutas culturais da Universidade de Vigo chegan o sábado día 24 aos Canóns do Sil e á súa contorna

Próximo destino, a necrópole de Barxacova

A iniciativa dá continuidade á realizada anteriormente de visita ao complexo arqueolóxico de Armea

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 20/03/2012

“A ruta que vamos a realizar o día 24 de marzo levaranos por un lugar de beleza incomparable, onde conflúen o Río Mao co Río Sil e o Río Sil co Río Miño. Por se isto fose pouco visitaremos ademais os restos arqueolóxicos, recentemente postos ao decuberto, da necrópole de Barxacova. Será polo tanto un percorrido fantástico”. Deste xeito describe José García-Calvo Willy, coordinador en Ourense das Rutas Culturais do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo, o camiño que este sábado percorrerán arredor dun cento de persoas inscritas nesta iniciativa. Será unha nova oportunidade de gozar da paisaxe facendo deporte e aprendendo.

O roteiro seguirá o itinerario Barxacova, San Lourenzo, Casalta, Sequeiros, San Vitorio, Fondo de Vila, Foxo do Lobo, mirador Os Torgais, As Fontiás, Portela e Mosteiro de Santa Cristina. Con arredor de 22 quilómetros de percorrido e unha dificultade estimada media-alta, o coordinador da iniciativa advirte que os sete primeiros quilómetros van a ser duros, volvéndose logo máis sinxelo o traxecto. Sen embargo, explica, a dificultade do percorrido estará compensada coa paisaxe extraordinaria dos Canóns do Sil que poderán gozar os participantes e coa realización dunha visita guiada por arqueólogos á necrópole de Barxacova e ao Mosteiro de Santa Cristina.

Precisamente o verán pasado, e grazas a un convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Concello de Parada do Sil onde se sitúa a necrópole, un equipo de investigadores do campus de Ourense, con Beatriz Comendador, Beatriz Vaquero e Mercedes Durany á cabeza, traballou na recuperación e estudo deste enclave e das tumbas antropomórficas escavadas na rocha que se atopan nel. Durante a visita, os participantes na ruta cultural poderán coñecer in situ os traballos de escavación realizados polos arqueológos ourensáns para desentrañar os segredos deste lugar emblemático.

O necesario para participar

Como en anteriores edicións, estes roteiros están abertos á participación preferente dos membros da comunidade universitaria, quedando abertos á participación de persoas alleas en caso de quedar prazas libres. Sen embargo, e tal e como salienta José García-Calvo, a demanda para participar neles é moi alta, estando xa consolidado un público moi fiel a estes itinerarios. As saídas desde Ourense son ás 9.00 h na cafetería Bekas, fronte ao campus, e coma sempre os organizadores recomendan levar unha mochila pequena con chuvasqueiro, paraugas, apósitos para as bochas, muda completa, navalla, cantimplora, gorra e moita curiosidade por aprender. O prezo de cada ruta, nas que soen participar arredor dun cento de persoas, ascende a 10 euros para os membros da comunidade universitaria e 15 euros para as persoas externas. Por cada 3 rutas concédese un crédito ECTS ou dous créditos libre configuración.