DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de investigación Hi20 achega a súa experiencia no eido da xestión de clubs

A psicoloxía do deporte trasládase ás oficinas

O grupo de investigación Hi20 achega a súa experiencia no eido da xestión de clubs

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijoo DUVI 17/11/2011

Aínda que semellen dous eidos moi dispares, o deporte e o mundo da empresa teñen máis puntos en común do que se pode apreciar a simple vista. O espírito de esforzo e de superación, o traballo en equipo, a competitividade ou o control das emocións son comportamentos habituais nos dous sectores, polo que a aplicación da psicoloxía deportiva nunha oficina pode contribuír á mellora do rendemento do seu persoal. Para dar un pulo a esta transferencia de coñecemento, o Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra acollerá entre o 23 e o 26 de novembro o Fórum GTSport, un encontro organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte e pola Fundación do Deporte Galego, coa colaboración do grupo de investigación Hi20 e co apoio da Deputación de Pontevedra e do Concello.

Dende a organización subliñan a importancia de buscar novas formas de dirixir equipos de traballo no mundo laboral, “recalcando que os valores transmitidos aos equipos deportivos pódense trasladar facilmente aos equipos de traballo empresariais”. Luis Casáis, principal investigador do grupo Hi20 e que participa activamente na organización do encontro, explica que ambos sectores conteñen organizacións complexas onde a xestión do material humano é fundamental, polo que “calquera club convértese nun exemplo perfecto para un negocio calquera”.

O Fórum GTSport ten como obxectivo implantar na cultura laboral o adestramento empresarial para crear futuro, transformando o coñecemento en produtividade mediante a preparación das capacidades físicas e psicolóxicas, sen esquecer o concepto de innovación. O coaching, o liderado e a dirección de equipo serán os principais eixes temáticos nos que afondará o congreso, “sempre cunha actitude emprendedora que xere sinerxías colectivas que poidan levar a resultados extraordinarios”. Como sinalan desde o comité organizador, o papel do líder nun contexto laboral actual cheo de cambios, convértese no principal factor para a xeración dun espírito de equipo e de superación constante, e como consecuencia, para a creación dun ambiente de traballo óptimo.

Fusión de expertos do mundo deportivo e empresarial

O acto inaugural do forum correrá a cargo de Xosé Ramón Lete, secretario Xeral para o Deporte o vindeiro mércores 23 de novembro. Tras a apertura, 18 conferenciantes procedentes tanto do mundo do deporte, da empresa como do ámbito académico universitario participarán no encontro . Na xornada do xoves trataranse os métodos de aplicación do coaching como ferramenta para a excelencia, contando con expertos como Joaquín Dosil, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e especialista en coaching executivo. Tamén se debaterá sobre o papel que xoga o adestrador na preparación mental dos seus xogadores. O venres 25 os convidados revelarán as claves para liderar un equipo. Fernando Sánchez Salinero fará especial fincapé na necesidade de liderado sobre todo nestes tempos de crise, mentres que o adestrador do Universidade de Vigo Iveco, David Monreal falará sobre o espírito de traballo dun equipo deportivo, e o adestrador do FC Barcelona de balonmán, Xesco Espar disertará sobre o rendemento e a motivación.

A última xornada do foro centrarase na dirección de equipos cun debate sobre a aplicación da cultura seitai na dirección de equipos, unha filosofía de vida que propón a saúde como vía para cultivar a propia existencia do ser.