DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 140 estudantes participaron na sexta edición da Máster Class Audiovisual Galego

'Psiconautas' pechou unha das edicións máis concorridas de Augal

O gañador do Goya ao mellor filme de animación, Alberto Vázquez, protagonizou a última sesión

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 04/05/2017

Co Goya que hai poucos meses gañaba pola súa longametraxe de animación Psiconautas, Alberto Vázquez retornou na tarde deste mércores ao campus de Pontevedra para protagonizar a última sesión da sexta edición de Augal. Promovida polos profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comuniación Miguel Anxo Fernández, Fortunato Rodríguez e Paulino Pérez, co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a sexta edición desta Máster Class Audiovisual Galego contou con preto de 140 estudantes matriculados, unha das participacións máis elevadas dunha iniciativa que, tralo coloquio con Vázquez, despediuse ata o vindeiro curso cunha entrega de diplomas.

O vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, quen destacou a presenza na programación deste ciclo de ex-estudantes da Universidade, como o propio Vázquez, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen manifestou o apoio da axencia para lograr “unha sétima edición cunha programación semellante e mellor”, participaron xunto a Rodríguez e a profesor Luis Fernández nesta entrega de diplomas. Previamente, os e as participantes na sesión participaran nun coloquio no que Vázquez relatou o proceso de creación de Psiconautas, “realizado cun equipo de arte formado por só tres persoas”, e a importancia que tivo no seu labor na animación “a experiencia previa no mundo do cómic”, que foi onde naceu precisamente, hai preto dunha década, a historia que neste 2017 se alzaba co premio Goya.

Previamente, Augal tamén achegara a Ciencias Sociais e da Comunicación ao director Ignacio Vilar, quen presentou o seu filme Sicixia; aos produtores da premiada María (y los demás), Luisa Romero e Sergio Frade; á directora e o guionista de Migas de Pan, Manane Rodríguez e Xabier Bermúdez, e ás realizadoras Olga Osorio, Diana Toucedo e Lucía Estevéz, protagonistas da sesión dedicada ás curtametraxes.