DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Editada polas catedráticas María López e María del Carmen Saavedra

Unha publicación afonda nos “múltiples reformismos” dos primeiros Borbóns na España do século XVIII

Recolle achegas de especialistas de diferentes universidades e diferentes disciplinas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 20/02/2024

Gobernar reformando. Los primeros Borbones en la España del siglo XVIII. Con este título preséntase unha publicación editada polas catedráticas de Historia Moderna María López, da Universidade de Vigo, e María del Carmen Saavedra, da Universidade de Santiago de Compostela. Nela preséntase un grupo de traballos sobre os primeiros reinados borbónicos, “etapa clave na historia política da España Moderna”, que inciden na política reformadora impulsada pola nova dinastía. Os textos foron elaborados por investigadoras e investigadores de distintas disciplinas (historia política, historia do dereito e das institucións e historia militar), co obxectivo de proporcionar “unha imaxe plural dunha etapa moi complexa, tanto no referido á situación política como á súa realidade documental”.

O libro, publicado por Comares Historia, proporciona “numerosos argumentos para cuestionar os supostos que tradicionalmente rodearon ao tema”, ofrecendo “unha visión máis matizada do mesmo, que xa non interpreta o reformismo como contradición entre tradición e modernidade”. En consonancia con esta formulación, ao longo das súas páxinas, indican as editoras, “percíbese a sinuosa evolución das medidas de reforma, sublíñase o labor dos oficiais e personaxes de segunda liña que deberon encargarse da súa execución e outórgase especial importancia ao factor territorial que fixo posibles resultados espacialmente diferenciados”. Así, a publicación “cuestiona a idea dun reformismo único para defender a existencia de múltiples reformismos que deseñan unha realidade rica e complexa, aberta a novas interpretacións e posibilidades de investigación”.

A obra é froito do proxecto El reino de Galicia en la monarquía de Felipe V: instituciones y dinámica política, subvencionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e financiado pola Agencia Estatal de Investigación e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Feder. Recolle ademais os resultados finais das investigacións presentadas nas xornadas científicas Os primeiros Borbóns. Poder e dinámica política, celebradas en Ourense en 2021, e dá continuidade ás anteriores publicacións Élites y poder en las monarquías ibéricas; Galicia y la instauración de la Monarquía borbónica e Monarquías Ibéricas, poderes y territorios. Instituciones, nobleza y dinámica política.

Novos elementos de reflexión

As achegas aparecen agrupadas en dous grandes apartados. O primeiro é Xustiza e Goberno e nel abránguense temas que van desde as cortes catalás do primeiro Borbón e do primeiro Carlos III ata o reformismo borbónico ante o réxime señorial. O segundo é Guerra e Facenda e inclúe achegan que van desde a mariña de Felipe V ata as mobilización e protestas en Catalunya contra o catastro no século XVIII. Ao longo do volume, indican as súas editoras, entrecrúzanse “os estudos sobre dinámicas políticas, realidades institucionais e experiencias de reforma para constatar os avances e resistencias propias das etapas de transición”. Así, as investigacións que serven de base á obra, sinalan, “aspiran a proporcionar novas explicacións sobre os primeiros reinados borbónicos, dada a súa condición de etapa clave na historia política da España Moderna”. A visión de conxunto que ofrecen, matizan, “non ten pretensións de exhaustividade nin ofrece respostas definitivas, pero resulta reveladora da necesidade de abordar desde outras perspectivas problemáticas que, aparentando ser ben coñecidas, aínda rexistran importantes claroscuros e brindan novos elementos de reflexión”.