DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José María Faílde e Laura Ruiz son os seus autores

Unha publicación afonda nas potencialidades da educación social no ámbito da saúde

O seu obxectivo é valorizar ás e aos profesionais deste eido

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 03/07/2018

A saúde, explican José María Faílde, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, e Laura Ruiz, investigadora de predoutoramento deste centro, pasou nas últimas décadas dun enfoque puramente biomédico a un enfoque tamén psicosocial no que se considera que é “o estado completo de benestar físico, psicolóxico e social, e non a mera ausencia de enfermidade”. “Esta nova mirada da saúde abriu un espazo de oportunidades moi importante para outras profesións”, comentan. Con obxectivo de valorizar ás e aos profesionais da educación social no eido da saúde, veñen de publicar o libro Intervención en Saúde e Educación Social

O libro editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, comentan os seus autores, naceu no marco da materia que imparten co mesmo título na Facultade de Ciencias da Educación ourensá, no Grao en Educación Social, e ante a convicción de que “cremos que a educación social está chamada a ter un papel importante na prevención e promoción da saúde e nese escenario as e os educadores sociais teñen que estar formados para afrontar este reto”.

Dos precedentes á realidade actual

A publicación estrutúrase en tres capítulos e dez unidades temáticas. O primeiro destes bloques céntrase na conceptualización e marco da intervención preventiva e correctiva en saúde. O segundo afonda en catro dos posibles modelos teóricos de intervención en saúde, concretamente no de crenzas de saúde, no modelo precede-procede, nas teorías da acción razoada e a conduta planeada e no modelo transteórico do cambio de conduta. Por último, o libro conta cun capítulo no que se ofrecen as pautas para o deseño dun programa de prevención e promoción da saúde e no que se analiza o estado actual e as potencialidades futuras da educación social no eido da saúde. 

Concretamente, esta última unidade recolle os resultados dun traballo de investigación feito por Laura Ruiz que tivo por obxectivo analizar o estado actual de implantación da educación social no ámbito da saúde nas diferentes comunidades autónomas a través da revisión de datos, publicacións científicas e documentos profesionalizantes; da análise dos plans de estudo do Grao en Educación Social das universidades públicas e privadas españolas e da consulta a diversos colectivos, como colexios profesionais deste eido e organizacións non gobernamentais. Froito deste traballo, ofrécese na publicación unha análise DAFO, de debilidades e fortalezas internas e ameazas e oportunidades externas, para a implantación da educación social no ámbito da saúde.   

Abrindo camiño

A educación social, sinalan José María Faílde e Laura Ruiz, é unha disciplina relativamente nova, con apenas 30 anos de andaina no sistema universitario español, e a produción científica neste ámbito é aínda escasa, de xeito especial no eido da saúde. Neste contexto, detallan, “consideramos que esta obra contribúe a fornecer as capacidades de educadores e educadoras sociais nun ámbito da intervención emerxente, o da saúde, no que necesariamente interactuarán con outra disciplinas científicas e con outros profesionais que xa teñen afianzado o seu campo de actuación”. A mellora da súa formación, apuntan os autores do libro, a visibilización das súas prácticas e o incremento de transferencia de coñecemento e a produción científica en materia de saúde “converterán aos profesionais da educación social en actores relevantes neste ámbito”.