DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora do grupo PR3CULT Marta Bran é unha das autoras de ‘No soy un gato’

Unha publicación conecta a “fascinación pola máscara” na historia da arte cos filtros nas redes sociais

Catro investigadores afondan neste libro nas interaccións entre este fenómeno e a creación artística

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Publicacións
  • TIC
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 22/02/2022

Que similitudes existen entre as máscaras tribais prehistóricas e os filtros faciais dun iPhone? Esta é unha das preguntas abordadas no ensaio que a investigadora do grupo PR3CULT da Facultade de Belas Artes Marta Bran realizou para No soy un gato. Filtros y máscaras de la contemporaneidad, unha publicación coordinada polo crítico de arte e profesor da Universidad Autónoma de Madrid Fernando Castro que aborda, desde a perspectiva da arte, os “enmascaramentos que se producen nas redes sociais”, como explica Bran. Dando continuidade á investigación que desenvolveu para a súa tese de doutoramento, centrada no impacto das redes sociais na arte contemporánea, a investigadora reflexiona neste libro sobre os filtros das redes sociais a través dun percorrido pola historia da arte, co que mostra como a “fascinación pola máscara permaneceu latente desde a antigüidade ata a actualidade”, salienta.

“Aínda que poida parecer que os filtros e as máscaras dos social media son algo absolutamente novidoso, en realidade, non o son tanto, xa que os procesos de enmascaramento sempre estiveron presentes, dun ou doutro modo, desde as orixes da humanidade”, sostén Marta Bran, pseudónimo artístico de Marta López López. Esta é unha das ideas que a investigadora de PR3CULT achega a un volume que reúne os ensaios dos tamén artistas e investigadores José Manuel Ruiz e Diana Millán, así como do propio Fernando Castro, coordinador desta publicación pertencente á colección Infraleves do Centro de Documentación y Estudios Avanzados de Arte Contemporáneo (Cendeac). “Para min foi un auténtico regalo, porque puiden dar continuidade á miña tese”, recoñece Bran do feito de que Castro a convidase a participar neste volume tras coñecer a súa tese Arte, vida y redes sociales de Internet. El artista en los inicios del siglo XXI. Nuevos paradigmas, pola que foi recoñecida en 2018 nos premios extraordinarios de doutoramento da Universidade de Vigo. O libro, que toma o seu título da frase pronunciada por un avogado estadounidense nunha vista xudicial que tiña lugar de xeito virtual e especificamente, debido a un filtro fixo dun gato que apareceu na súa pantalla no lugar do seu rostro, busca achegarse desde diferentes perspectivas a un “fenómeno de rabiosa actualidade”, como recoñece esta investigadora, e tamén á “interacción que existe coa historia da arte”. 

A idea do “eterno retorno”

Como explica Bran, o “fío condutor principal” do seu ensaio é a historia da arte e, máis en concreto, aqueles e aquelas artistas “que traballaron con máscaras, físicas ou psíquicas, como retratistas do seu tempo”. Baixo o título de Inmersos en la «commedia dell’arte»: Identidades enmascaradas en la era post-Internet, o texto afonda nun elemento usado de “forma recorrente” e en como esa “fascinación pola máscara” se fai presente tanto no “Neolítico precerámico” como no momento actual, a través de propostas como as do colectivo británico The Dazzle Club, “que vulneran os sistemas de recoñecemento facial das cámaras de Londres ao pintar os seus rostros”. 

Do seu “uso místico e ritual” na antigüidade á súa actual “viralización na rede”, esa idea do enmascaramento constitúe un “tema universal e perenne, no que existen conexións entre o pasado e o presente”, sinala. Neste punto, pon como exemplo as similitudes “entre as máscaras tribais prehistóricas, que denotan distinción no status social” e os filtros faciais “do último iPhone, como signo de exclusividade”, xa que, “en termos de connotacións xerárquicas dentro das súas respectivas sociedades, poderían atoparse puntos en común que co paso do tempo permaneceron inalterables”. De aí que esta artista e investigadora interprete esta idea da máscara como “un eterno retorno” que forma parte da historia da humanidade, con “múltiples réplicas e reinterpretacións en contextos diversos”. 

Os filtros como material artístico

Un dos apartados do seu ensaio céntrase nas “prácticas de enmascaramento” presentes na rede “en formas de creación online”. Esta análise permite pór de relevo como os filtros das redes sociais se teñen convertido tamén en ferramenta e material artístico e, como tal, “xa entraron en galerías, museos e festivais de arte”, xeralmente para a creación de “experiencias in situ, que invitan á participación do espectador”. De feito, explica Bran, en moitos casos, o interese das e dos artistas por estes fenómenos leváronos a crear obras “con métodos ou estéticas que máis adiante se converteron en mainstream nos social media”.

O ensaio aborda nese senso as obras de “artistas-creadores de filtros” como Ines Alpha ou Anni Garza, “que evidencia, con instalacións interactivas, a vulnerabilidade da sociedade actual ao usar apps baseadas na tecnoloxía deepfake", e, á súa vez, detense tamén na “sucesión de avances técnicos que estiveron ao servizo do enmascaramento”. Co obxectivo de trazar unha “mirada poliédrica”, Bran estuda así mesmo como este fenómeno foi analizado desde diferentes disciplinas para finalmente, partindo da idea da modernidade líquida do sociólogo Zygmunt Bauman, falar no texto da existencia dunha “identidade líquida”, como metáfora “da realidade e simulacro que habita nas redes sociais”, nas que o selfie se converteu “na nosa nova máscara”.