DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As universidades galegas publican “O Himno galego. Documentos históricos 1890-1907”

Unha publicación facsímile conmemora o centenario da 1ª interpretación do himno galego

Etiquetas
  • Vigo
Mª del Carmen Echevarría DUVI 29/04/2008

Unha reprodución facsímile do manuscrito do himno de Eduardo Pondal, a partitura da música composta por Pascual Veiga e varias cartas da correspondencia mantida entre ambos autores, conforman parte do contido de “O Himno galego. Documentos históricos 1890-1907”, o libro co que as tres universidades galegas conmemoran o centenario da primeira interpretación do himno galego.
“ A demostración física da cooperación existente na actualidade entre as tres universidades do país e que se plasma nun documento destas características, posúe un elevadísimo valor simbólico”, sinalou o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area, no acto de presentación do volume celebrado na sede da Real Academia Galega. Area engadiu que "a actual coxuntura política na Xunta está a permitir avances en distintas liñas que marcan a nosa identidade nacional, do mesmo xeito, a situación das tres universidades individual e conxuntamente, permite que traballemos cunha perspectiva e óptica de país que fructifica en numerosas accións".
Xunto a Area, o reitor da Universidade de A Coruña, José María Barja; o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago, Lourenzo Fernández; o arquiveiro-bibliotecario da Real Academia Galega, Xosé Luis Axeitos e o catedrático de Lingua Galega e Portuguesa da UDC, Manuel Ferreiro, destacaron a importancia da colaboración das institucións que deu como froito a publicación desta reprodución facsimilar.

Capacidade de cooperación entre universidades

O volume que reproduce fondos documentais da Real Academia Galega, é, segundo o reitor da Universidade de A Coruña “unha achega necesaria ao centenario do himno que nos permite coñecer e mesmo revivir o latexo daquel momento fundacional”.
Para o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago, Lourenzo Fernández, a publicación do libro “é unha mostra da capacidade de cooperación entre as tres universidades, que tan necesario nos vai resultar nos “tempos que son chegados”, os do establecemento do novo sistema de Grao-Máster- Doutoramento e dunha universidade de nova planta e cun novo financiamento para este país”.

Cen anos de historia

Fixan os historiadores a data da composición do himno de Veiga e Pondal no 1890 con motivo da celebración na Coruña dun certame musical no que o propio Veiga introduce un galardón ao autor da “Mellor marcha rexional galega” a partir do texto “Os Pinos” de Eduardo Pondal.
Pasarían case vinte anos antes de que a composición fose interpretada, algo que finalmente sucedeu o 20 de decembro de 1907 no Gran Teatro de La Habana grazas á sociedade de amigos galegos da capital cubana e moi especialmente a Xosé Fontenla Leal. A obra de Veiga e Pondal non foi oficial ata o 29 de maio de 1984 cando o Parlamento de Galicia aprobou a súa “Lei de Símbolos” que fixaba ademais do himno, a bandeira e o escudo.