DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Accesible en Internet

Unha publicación incide na importancia de impulsar a formación en igualdade

Inclúe nove artigos con contidos sobre violencia, sexualidade ou política

Etiquetas
  • Vigo
D. Besadío DUVI 09/05/2008

“Un aporte do saber das mulleres sobre as mulleres e sobre o mundo”, así definen as profesoras María Jesús Fariña, Purificación Mayobre e Beatriz Suárez Briones o volume “O reto da igualdade. Feminismo, xénero e universidade”, que elas mesmas coordinaron e no que se recollen nove artigos que inciden na necesidade de impulsar a formación en igualdade, sobre todo, no nivel universitario, “pois trátase nel de formar ás persoas que no futuro formarán á súa vez, a rapaces e rapazas”, sinalan.
A obra ten a súa orixe no curso de “Formación en xénero”, organizado no 2007 pola Área de Igualdade da Universidade. A súa publicación, incluíndo un formato dixital accesible a calquera persoa interesada, “é un modo de darlle unha vida imperecedoira. Polo propio valor das conferencias era necesario polas a disposición dun público moitísimo máis amplo que o asistente”, explica unha das coordinadoras, Beatriz Suárez. Ademais, tal e como sinala a súa compañeira Mª Jesús Fariña, “ten o valor engadido de que todos os traballos están traducidos ao galego”.

Un volume multidisciplinar

Os artigos que dan corpo a este volume móvense arredor de temas diversos, dende a linguaxe ata a violencia, pasando pola educación, a sexualidade e a política. “Ao igual ca teoría feminista é multidisciplinar. É unha especie de manual de teorías feministas en diversos eidos”, sinala Suárez Briones.
Mercedes Bengoechea, Arantza Campos, Consuelo Flecha, Dolores Juliano, Mª Ángeles Larumbe, Aurora Marco, Raquel Osborne, Rosa Valls, Ainhoa Flecha e a propia Mª Jesús Fariña compoñen o listado de expertas que, nas súas respectivas áreas de coñecemento, achegan o seu gran de area para “pensar e practicar a igualdade, que non se opón á diferenza nin á diversidade, senón á desigualdade”, como elas mesmas sinalan na introdución da obra.
A través dos diferentes ensaios, o volume recolle tamén á historia dos estudos de xénero nas universidades españolas. “Fai fincapé na necesidade de formación en xénero para os e as docentes nas distintas disciplinas”, explica Briones.
Ademais a obra inclúe reflexións sobre unha cuestión inédita no noso país e aínda moi pouco estudada en Europa, a violencia de xénero dentro do ámbito universitario. “Trátase de pensar sobre as presións que vivimos as mulleres na vida académica, tanto simbólica como física e que non está para nada estudado”, afirman as coordinadoras.
A historia das relacións entre teoría feminista e teoría lesbiana e gay e a análise do papel da inmigración e das dificultas das mulleres inmigrantes para integrarse nunha cultura diferente son outros temas que dan contido á obra.

Enmarcado no proxecto “Conta con elas”

A publicación enmárcase no proxecto “Conta con elas” da Iniciativa Comunitaria Equal do Fondo Social Europeo, e está promovido pola Vicerreitoría de Relacións Institucionais, como entidade asociada á Agrupación de Desenvolvemento Área Metropolitana de Vigo.

Acceder á versión on line.