DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baixo título 'E ti, que científicas coñeces?'

Unha publicación recolle de xeito divulgativo as biografías de 18 mulleres destacadas na ciencia e na tecnoloxía

Con ilustracións do concurso escolar do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 19/12/2023

E ti, que científicas coñeces? Con este título preséntase unha nova publicación electrónica xurdida no marco das actividades de eXXperimenta en Feminino, colectivo que traballa no campus de Ourense na visibilización das mulleres nas disciplinas científicas e tecnolóxicas. O libro recolle de xeito divulgativo as biografías de 18 mulleres destacadas nestes eidos. As súas páxinas están ilustradas con debuxos presentados por nenas e nenos ao Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, convocado cada ano pola Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.

As autoras dos textos son as profesoras M. de las Nieves Lorenzo, Inés Álvarez, Julia Carballo e Alma Gómez (da Universidade de Vigo) e Encina Calvo (da Universidade de Santiago de Compostela). Ademais participa a ilustradora MeliMolita. O libro, publicado co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, recolle en galego (para contribuír ao emprego desta lingua no ámbito científico tecnolóxico) breves biografías de mulleres que ao longo das sete edicións do citado concurso escolar o alumnado participante foi descubrindo cos seus debuxos. Así, están presentes desde a astrónoma Wang Zhenyi e a física Lise Meitner ata a enxeñeira industrial Elena García Armada e a química Elsie Frankli. “Achegamos ao alumnado, en lingua galega, a biografía dunha amplo abanico de mulleres relevantes no mundo da ciencia. Este material en formato de libro electrónico servirá para que os centros educativos poidan traballar con el na aula”, afirman as responsables da iniciativa. A publicación pódese descargar de balde na páxina web eXXperimenta en Feminino e nos próximos meses, grazas ao cofinanciamendo da Xunta de Galicia, faranse copias impresas que repartir entre os centros educativos.

“Agardamos que o libro e as súas historias conecten dunha forma especial cos nenos e nenas axudándolles a descubrir que a ciencia é sorprendente e que é tanto para eles como para elas”, subliñan as autoras do traballo. Segundo explican, “agardamos achegar a ciencia feita por mulleres ás nosas nenas, tan carentes de referentes, e espertar a súa curiosidade por saber máis sobre a ciencia e, especialmente, a ciencia feita por mulleres”. A pesar das importantes contribucións das mulleres á ciencia e á tecnoloxía, sinalan, “estas seguen sendo invisibles nos libros de texto, tanto en Educación Primaria como en Secundaria, onde só o 7,6% dos referentes culturais e científicos son femininos”. Con esta iniciativa, engaden, “preténdese estimular, en particular aínda que non en exclusiva, as vocacións CTEM do alumnado feminino”. Neste senso, apuntan que “dado que o interese pola ciencia do alumnado decae de Primaria a Secundaria, cunha marcada diferencia entre rapaces e rapazas, é necesario aproveitar a etapa de Primaria e primeiros cursos de Secundaria, onde o alumnado amosa actitudes positivas cara as ciencias" para espertar o seu interese por estas áreas de coñecemento.