DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Publicidade con altas doses de humor dende os anos 80 ata hoxe

José Luis Moro e José Gamo repasaron a súa carreira como creativos publicitarios no ciclo "Fálame do

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E.L. Castro DUVI 11/11/2009

Outros dous publicistas de alto nivel recalaron onte na Casa das Campás. José Luis Moro e José Gamo intercambiaron a súa experiencia no segundo ciclo Fálame do teu. Dous creativos, dúas versións diferentes do mesmo problema, organizado pola Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e coordinado polo profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Chechu Pérez. Fixeron un repaso por quendas das campañas publicitarias que desenvolveron en diferentes axencias ao longo da súa traxectoria, das que destacaron o elemento que ambos os dous teñen en común, “o uso do humor como estratexia creativa”. “A publicidade non se pode tomar en serio, por iso é moi importante empregar o humor nos anuncios e incluso para os anuncios de correspondencia de Planeta DeAgostini se poden facer cousas divertidas”, sentenciou Gamo. Con todo, concordaron en que o ideal para un creativo é dominar diferentes rexistros. “Nunha axencia non deberiamos ter un estilo único, pero cadaquén ten a súa personalidade e ao final sempre acaba saíndo o selo propio”, sinalou Moro, co convencemento de que é posible identificar que axencia fixo unha campaña determinada analizando o seu estilo.

Unha revisión cronolóxica en clave de humor

Os dous publicistas artellaron un sistema de quendas no que foron cedendo a palabra un ao outro “como nun partido de ping pong” para revisar cronoloxicamente a súa traxectoria. Abriu a charla José Gamo, quen lembrou que non chegou á profesión por vocación, senón de xeito azaroso. Logo de estudar Belas Artes entrou a traballar nunha axencia que, recoñeceu, o “enganchou para sempre”. Entre os traballos dos comezos en Zamorano/RSCG, RZR e Casadevall & Pedreño destacou os anuncios realizados para La Casera, aqueles co eslogan “Yo sin casera no como” ou “Felices sueños” no caso dos produtos sen cafeína. De xeito anecdótico proxectou tamén un spot do ano 88 realizado para Lois con música de Pablo Carbonell e co lema “Lo que mola es Lois”, do que salientou que “contén todos os tópicos dos oitenta, desde as cores ata a linguaxe”. A diferenza de hoxe, “naquel momento podías facer anuncios longos, de ata 45 segundos, que permitían contar historias enteiras”, indicou. Como estratexia publicitaria falou da frescura de traballar con actores non profesionais e sen guión, xerando escenas espontáneas, “un recurso que require moitas horas de rodaxe para acadar o que un quere e que hoxe se utiliza moito, pero naquel momento era unha novidade”. Da época máis recente, en Tiempo BBDO e en DDB, destacou a campaña da Fabada Litoral, que “a pesar de pertencer a unha multinacional como Nestlé, a miúdo reticente ás gamberradas, permitiu facer algo simpático porque se trataba dun produto fóra de tendencia”.
José Luis Moro tamén chegou á profesión por casualidade. Licenciado en Dereito e coñecido por ter sido cantante do grupo da movida madrileña Un pingüino en mi ascensor, comezou a súa andaina como publicista no ano 1992 en Contrapunto. A súa actividade está ligada a Remo desde o ano 1996, onde é hoxe director creativo, polo que proxectou anuncios só desta etapa. Destacou a campaña realizada para o Mitsubishi Galloper, “unha gama baixa de todoterrenos xaponeses que competía directamente co Montero e para a que conseguimos levar a Georgie Dann ao polo norte”. Ao lema da competencia, “A donde llega un Montero, no llega nadie”, contrapuxeron o deles, “Muy pronto todo el mundo tendrá un Galloper”. “Con isto estabamos dicindo que xa estaba ao alcance de todo o mundo chegar a onde chega un Montero”. Proxectou tamén anuncios realizados para marcas como Nike, Siemens e Bancaja e quixo destacar tamén toda a campaña gráfica, en radio e en televisión realizada para a canle dixital Calle 13, centrada no terror, que lles permitiu abordar a campaña dun xeito divertido, próximo á parodia surrealista.

Publicidade 2.0

A base do negocio publicitario segue sendo segundo José Luis Moro e José Gamo a televisión, pero as novas tecnoloxías están abrindo o abano de soportes e incentivando a creatividade nun novo eido que se podería chamar “publicidade 2.0”. Abriuse o debate cos asistentes neste sentido a raíz da presentación dunha campaña que José Gamo dirixiu desde DDB para a comunidade de Canarias. Cos lemas “Comparte tu fortuna” e “Say no to winter blues”, entre outras estratexias, promoveu viaxes de convidados de países nórdicos ás illas e creou unha plataforma en Internet para a comunidade de usuarios puidese contar a súa experiencia canaria e facer todo tipo de suxestións. Os dous creativos sinalaron a efectividade destas campañas, pero tamén o seu nivel de esixencia, coa necesidade de implicar, ademais de publicistas, equipos de comunicación e de xestión de ferramentas interactivas, que teñen que seguir a campaña a tempo completo. Concluíron que, “máis alá das tecnoloxías, as boas ideas son a base do traballo”.

Terceiro encontro: Juan Nonzioli e Andrés Martínez

A terceira convocatoria do ciclo Fálame do teu terá lugar o vindeiro luns día 16 de novembro. Nela intercambiarán experiencias Juan Nonzioli e Andrés Martínez. Despois de pasar por CP Proximity, McCann Erickson Madrid, Schweppes Europa e Young&Rubicam Madrid, Nonzioli fundou Shackleton, elixida axencia do ano en 2006, 2007 e 2008. Martínez, actual director creativo executivo de Tiempo BBDO, ten máis de 17 anos de experiencia en axencias como Lowe Lintas e Ruiz Nicoli.