DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tres alumnas do Máster en Procesos de Deseño e Fabricación Mecánica, artífices de SET SPIRIT

Publicidade innovadora e 'low cost' en gin-tonics e viño cociñada na Universidade de Vigo

Ángela Pérez, Cecilia Salcidos e Claudia Vázquez idearon un completo kit promocional para a empresa

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Noemí Rey DUVI 20/08/2013

Crear produtos atractivos e funcionais para promover marcas do sector da hostalaría con materiais de calidade pero a un prezo accesible. Este foi o reto que a empresa Koala Internacional Hostelería lle propuxo a Ángela Pérez, Cecilia Salcidos e Claudia Vázquez, tres estudantes do Máster de Deseño e Fabricación Mecánica da Universidade de Vigo que converteron o desafío no seu traballo de fin de mestrado. O resultado chámase SET SPIRIT, un completo kit de accesorios de promoción con tres produtos innovadores, orixinais e prácticos que permiten ademais gravar calquera nome ou marca publicitaria: un ovo especial de xeo para copas de gin-tonic, unha culleriña de cocteleiro e unha cubeta cun xel especial para arrefriar o viño.

Koala, unha empresa de accesorios profesionais e de promoción para viño, cava e bar con sede en O Porriño, quería abrirse a novos mercados con produtos económicos en canto a custes de fabricación e confiou a Pérez, Salcidos e Vázquez a execución deste novo proxecto, ao que achegaron “ideas creativas cos coñecementos técnicos necesarios para que a súa fabricación e comercialización fora viable”.

Tres accesorios para liberar o espírito

O gin-tonic é unha bebida en auxe, con cada vez máis locais que dispoñen dunha ampla carta dedicada a el. Para este combinado nacen Promo Gin e Ice Eggs. O primeiro set componse dunha culleriña e dun removedor cunha forma axeitada á man, sen cantos e cun peso manexable que por primeira vez están feitos de aceiro, un material máis barato e máis competitivo. Aínda que respectando o deseño conservador, para obter unha zona de gravación promocional as tres alumnas da Universidade de Vigo decidiron engadirlles unha ampla serie de postizos na parte superior, que no caso do removedor levaría forma de árbore para seguir a gama de produtos propios de Koala Internacional.

Mentres, os Ice Eggs son moldes independentes para pedras de xeo con forma de ovo, unha solución práctica, innovadora e funcionalidade fronte ás propostas que agora están no mercado, ás que superan en “prezo, calidade e orixinalidade”. Feitos dun material económico e flexible para a extracción do xeo de xeito hixiénico, estes ovos permitirán un packaging innovador e comercial a través de dúas fórmulas: un embalaxe sinxelo para a venta ao por maior ou nunha oveira de media ducia con espazo suficiente para promover o nome da marca ou do produto.

O último accesorio pásase ao viño. Trátase de Win Cool, un arrefriador de botellas innovador e funcional cunha deseño atractivo e un amplo espazo libre no que poñer a publicidade de calquera marca. Cunha xanela frontal que deixa visible a etiqueta do viño, a novidade da cubeta radica en que non é necesario nin xeo nin auga para refrescar o líquido, senón que leva no interior un xel que produce frío, evitando goteos e sendo máis limpo e cómodo para o usuario final. Fabricado por inxección en plástico ABS, é un produto sinxelo de manexar e manter e cun deseño estético e funcional “apropiado para vestir unha elegante mesa”. A diferenza de Promo Gin e Ice Eggs, pensados para a bebida de moda, Win Cool “desenvolveuse pensando en cubrir unhas carencias na variedade de gama dos produtos da empresa”, como sinalan as autoras.

Empresa e Universidade, da man

Con presenza en máis de 25 países, Koala produce todos os seus deseños e innovacións en España coa idea de crear accesorios atractivos, funcionais e de calidade. O 90% conta con patentes e deseños industriais internacionais que pasan exhaustivos controis técnicos e de calidade para darlle ao cliente un produto único e diferenciado. Un traballo para o que a empresa pode camiñar da man coa Universidade de Vigo. “Ás veces non se lle presta importancia ao deseño e desenvolvemento de produtos de consumo, cando en realidade teñen un gran potencial para actividades de formación, ademais de beneficios para o tecido empresarial e a sociedade. A proba é que SET SPIRIT, un traballo deseñado integramente entre empresa e Universidade, vai reverter nunha comercialización directa nacional e internacional”, salientan Gustavo Peláez, coordinador do máster; Blai Viladrich, titor do proxecto, e Francisco Barberá, xerente de Koala.